Os vascos vanse de copas

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. Pombo O REINO DA CHOIVA

OPINIÓN

05 may 2017 . Actualizado ás 07:57 h.

Reprochounos o ministro Montoro, a propósito do debate dos Orzamentos do Estado, que nada máis saír da crise que viña da borracheira do gasto público xa nos queremos ir de copas para celebralo. Razón non lle falta ao ministro dos diñeiros. Estivemos a gastar por amais das nosas posibilidades; non hai máis que volver a vista a Madrid, Valencia ou Cataluña, e agora queremos celebrar que España xa vai ben e que só o 23 % da poboación vive en risco de pobreza. Que podería ser moito máis, pero unicamente é case a cuarta parte. 

Pero hai excepcións. Os vascos, por exemplo, si se van a poder ir de copas. Mesmo poderán irse ademais de txikitos, de pintxos, a potear coa cuadrilla e ao txoko a tomarse un changurro. Porque co donativo de 4.500 millóns que lles acaba de facer o Goberno xa poden darse unha esmorga en toda regra.

Pouco importa que se agrave a desigualdade fiscal entre as comunidades. Nin que Euskadi teña en torno ao 45? % máis de recursos per cápita. Nin que non sexa o territorio máis necesitado. Nin tampouco que se lle dea outro machadazo á credibilidade do financiamento autonómico. Iso importa pouco. As concesións de Mariano Rajoy e o seu Goberno aos vascos para que o PNV apoie os Orzamentos Xerais do Estado non reparan no máis racional do gasto nin na ecuanimidade e igualdade que debe presidir a actuación de calquera Goberno que se prece de democrático. As trinta e seis melloras que levan fannos pensar que aquí o criterio que se segue nos investimentos públicos, ademais do posto de manifesto ultimamente por mandatarios como Ignacio González ou Francisco Granados , é o de axudar ao que me axuda.

O PP precisaba os votos do PNV para non quedar na estacada. E os vascos puxeron un elevadísimo prezo, que os populares pagaron encantados; da carteira de todos, iso si. A ver cando nos volven explicar aquilo de que o único que os move é o interese xeral de España.