Choiva de millóns

Carlos Agulló Leal
Carlos Agulló O CHAFLÁN

OPINIÓN

05 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Moi pouco crédito teñen os queixumes da oposición polo acordo do PP cos nacionalistas vascos para aprobar os orzamentos. Bágoas de crocodilo. Os socialistas, con González e con Zapatero , falaron e pactaron todo o que necesitaron co PNV e a extinta CiU. Tampouco chega virginal o PP a este entendemento, que hai frases que quedan como marcas de lume, como aquela de Aznar que, cando necesitou seducir a Pujol, confesou que falaba catalán na intimidade. A estas alturas, e coa que lle está caendo á familia do exhonorable, mellor non saber xa de que falaban.

Ben. As alianzas cos nacionalistas vascos e cataláns non son novas. Nin sequera é esencialmente malo que o Goberno central busque o compromiso desas forzas coas necesidades dun Estado común e, de paso, a moderación das súas aspiracións. Pero, claro, o caso é que os discursos sobre a altura de miras que presidiu as negociacións veñen sempre acompañados da factura. As cifras da chantaxe. Como mínimo, do agravio aos territorios que non dispoñen de marca propia coa que sacar tallada.

Rajoy repartiu xa en pouco máis dun mes case 10.000 millóns de euros entre Cataluña, Canarias e o País Vasco. Primeiro, 4.200 millóns en compromisos de investimento público coa que trata de gañarse á sociedade civil catalá para evitar que triunfen «aventuras empobrecedoras» e quizais como unha primeira chiscadela para sumar votos catalanistas aos seus orzamentos. Despois, 1.700 millóns para amarrar o respaldo de Coalición Canaria. Agora, 4.300 millóns para o solemne anuncio de apoio do PNV. Ollo, o saco ten fondo e Galicia, moitos investimentos pendentes.