O gato de Chesire

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O EQUILIBRISTA

OPINIÓN

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Ao gato de Chesire coñecémolo por Lewis Carroll. Con todo, o gato que ría sempre e que ás veces semellaba unha pantasma, ten amplo percorrido na cultura inglesa. Sorrir como o gato de Chesire é rir ensinando os dentes. Así vexo eu a moción de censura. Os seus obxectivos son claros. O primeiro, propaganda: ese é o fin certo do macho alfa do grupo (Iglesias ), ao que aplauden as mareas nacionalistas galegas. O segundo, pór en evidencia ao PSOE, partido ao que pretenden destruír. Para iso contarán cos que acirran a Sánchez, que os levou ao abismo: dúas eleccións, dous resultados «históricos». O gato de Chesire segue ríndose. De España enteira e dos galegos que os votaron, principalmente. Ata que un día só lles quede o sorriso e, como o gato, desaparezan.