O recuncho de Espe

Luís Pousa Rodríguez
Luís Pousa CON LETRA DO NOVE

OPINIÓN

26 abr 2017 . Actualizado ás 08:08 h.

Esperanza Aguirre é a política que mellor dimite de España. Xa o fixo tres veces e todas elas con gran éxito de público e crítica. Para ser un país onde nunca renuncia ninguén, facelo tres veces ten un enorme mérito. Talvez toda a carreira política de Esperanza Aguirre teña sido en realidade un longo rodeo por diferentes moquetas e postos para lograr unha plusmarca histórica: o hat trick da dimisión.

Botarémola de menos. Porque Aguirre fixo da desenvoltura, mesmo de faltar á verdade cun sorprendente apromo, unha nova teoría política. Oímola durante todos estes anos, por exemplo, presumir de liberal. Pero logo todo canto tocaba, como a Canle de Isabel II, non tiña nada que ver coa libre competencia, senón máis ben co capitalismo de amiguetes, que vén ser unha versión en formato zarzuela dos Soprano. O capitalismo de amiguetes consiste en sacar aos Soprano do seu club, o Bada Bing!, para sentalos a facer negocios no palco do Bernabéu ou do Calderón. Un liberalismo pasado por Nova Jersey e Estepona.

A culpa tena Pablo Carbonell, que nun incerto instante de 1996 deixou de cantar para dedicarse a facer chistes de Esperanza Aguirre en Caia quen caia. Cando Carbonell quixo aclarar que aquilo era unha broma, era demasiado tarde: a condesa consorte xa era unha celebrity, que aquí sempre foi moito máis importante que ser ministra, presidenta de Madrid ou Grande de España.

Igual isto tamén é un chiste e en calquera momento aparece o ex de Toureiros Mortos para explicar que o altillo do sogro de Granados e o ático de González son parte do estudio daquel Recuncho de Espe co que empezou todo.

Quen sabe. Hai tempo que na política e a televisión custa distinguir a realidade do reality.