Tópicos, que bonitos!

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

21 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Que bonitos son os tópicos, que marabillosos, que atinados, que simpáticos, que agradables, que certeiros e que positivos. 

Veña, imos buscalos, que acabamos de vir duns días libres e temos tempo para pensar. España: sesta e olé. Iso si, os canarios, guapísimos. Porque, ollo!, as sevillanas serven para representarnos a todos, pero no que se refire a guapura... xa non. Así que somos os mesmos ou diferentes segundo se mire.

A mellor comida? Pois non pensen no lacón con grelos, porque é a libanesa. Tampouco crean que o entroido por antonomasia está en Xinzo, Laza ou Verín. Venecia? Disque hai que viaxar ata Río de Janeiro.

Os ollos máis grandes son os dos etíopes, a puntualidade vai para os británicos, a reloxaría para os suízos, as negociacións para... os rusos? Non sei que opinarán en Siria e nos Estados Unidos estes días sobre isto... pero se o din os tópicos... será! Os franceses, sofisticados, os alemáns... amantes da cervexa! A hospitalidade vaise a Asia e a xenerosidade ata Libia.

E agora, tras tanto estudo científico con teses que avalan os datos de maneira analítica, con fórmulas exactas que non deixan lugar ao mínimo erro... que título elixo para o artigo? Galegos brutos? Podería ser. Así fixo David Gistau na súa columna. Foi o que escoitou protestar á súa muller ao saír dunha praza de touros madrileña na que lle lixaron os carísimos zapatos. Por que dixo tal? Era un toureiro galego? Era porque así chaman os arxentinos a todos os españois inmigrantes no seu país? A saber! Pero aí queda iso na cabeceira: Galegos brutos, en letras maiúsculas. E olé!