Curros Enríquez e a crucifixión

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

OPINIÓN

21 abr 2017 . Actualizado ás 09:00 h.

O La 14 de abril de 1895, o gran periodista Manuel Curros Enríquez (non só foi excelso poeta) publicou na Habana o artigo El símbolo. Fíxoo na súa revista Terra Galega en datas nas que a Igrexa católica conmemoraba un dos «sacrificios máis grandes de que hai memoria», «aquel brutal atropelo da debilidade pola forza». Así comeza o artigo do eximio periodista que, na mesma páxina, lánzanos esta pregunta: «Que fixo Jesús para merecer a morte?».

Estamos, sen dúbida, ante un texto de Curros que sorprenderá a moitos, mesmo a non poucos profesores de Literatura Galega, gremio no que non escasean os profesionais pouco propensos a leren os textos casteláns dos escritores que explican. Sorprenderá a moitos porque hai unha idea de Curros Enríquez pouco científica. En efecto, o Curros anticlerical, o Curros clerófobo, era un espírito fondamente relixioso, afervoado sempre cos signos radicalmente espirituais do cristianismo, como nesta ocasión.

Tamén sorprenderá a moitos o que hai de «político» e de «galeguista» nun artigo no que Cristo é condenado por amar á súa patria: «Tal é Jesús á luz da Historia, o mártir do amor á súa patria, que resulta mártir da causa da Humanidade». Xa aquí, o autor, o sagaz cronista, lémbranos que Xesús, ao predicar o seu ideario, só se valeu do instrumento da palabra e que ese instrumento non era o hebreo culto, que non dominaba, senón o arameo, «un dos dialectos menos literarios de cantos se falaban entón en Judea». E como corolario, o perspicaz periodista escribe: «Os que condenan o cultivo dos dialectos deberían fixarse nesa circunstancia para convencerse de que non é preciso apelar ás linguas oficiais impostas, nin ao idioma dos sabios, para producir obras transcendentais. O Evanxeo representa o triunfo dun dialecto xudeu, como a Ilíada dun dialecto grego e a Divina comedia o dun dialecto italiano». (Temos que ser un pouco benévolos con algún dos exemplos: Curros falaba con máis paixón pro domo sua que con rigor filolóxico).

Curros Enríquez, despois de afirmar que o decreto que condenou a morte a Xesús foi a «maior infamia de Roma», engade que «o que onte facía Roma con Jesús, hoxe faino Madrid con Galicia», palabras que, aínda sendo excesivas (ou por iso), permítennos coñecer ben o que o ilustre escritor, daquela residente nunha colonia española (Cuba), pensaba do centralismo e da marxinación de Galicia.