Amores que matan

OPINIÓN

21 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Ou exceso de cariño pode matar. Hai un par de anos, a edición do Barbanza deste periódico facía unha enquisa dixital para ver a quen da comarca se lle podía dedicar o seguinte Día das Letras Galegas. Para a miña sorpresa, e susto, aparecín alí, canda Faustino Rey Romero, Pepe Agrelo e outros escritores mortos. A incredulidade non tardou en mudar en comprensión e gratitude cara a quen, ignorando o sistema de escolla do homenaxeado, me incluía na terna de candidatos. Isto vén a conto porque o outro día asistín á actuación dun pai que facía trampas para que o seu neno de tres anos gañase unha carreira nunha piscina. O devandito proxenitor non só se limitou a empurrar o cativo, senón que o agardou na meta para celebraren xuntos unha vitoria que parecía olímpica. O ridículo foi tremendo. E, alí, diante dos outros pais, que disimulaban a súa sensación de vergonza allea, o individuo expresou o seu amor polo fillo, coméndoo a bicos e abríndolle promesas por gañar esa competición. O suceso lembroume o pai funcionario que falsificou o expediente do fillo para pór medras na nota media e poder acceder a un ciclo. Son amores que matan e condenan. A frustración, ben xestionada, é parte da aprendizaxe. Medramos máis no fracaso ca no éxito. Por iso, cómpre desapegarse de tanto amor, como o que me profesou aí atrás un veciño da miña vila, cando me presentou uns amigos e deu en me gabar con palabras tan grandes e elocuentes que, chegado un momento de euforia, mesmo lles dixo que axiña me ían dar o Día das Letras porque escribía moi ben e o merecía. A verdade é que o vin tan firme no seu agoiro que renunciei a lle explicar que para que iso acontecese eu tería que levar, cando menos, dez anos morto.