Recuperar o balón

María Canosa
María canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

13 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Estamos a vivir un pre-verán. Hai moita xente de vacacións, entre eles todos os estudantes, e o bo tempo acompaña. O luns sumeime a esa proba anticipada do estío. Levei á pequena ata á praia. É un bo sitio para tomar a merenda e xogar coa area. Unha estampa do máis sinxela, símbolo de pequenas felicidades.

Mais o idílico da tarde non tardou nada en truncarse. Escoitei sirenas da policía, Protección Civil, ambulancias, bombeiros... no medio da praia coruñesa do Orzán despregouse o destacamento que facía soar todas as alarmas. Pensei que houbera algunha indisposición, e quixen crelo. Pero... tardou minutos en aparecer o Helimer. É impresionante, maxestoso. Apareceu por detrás dos edificios, dominando o ceo. Por un instante, pensei que a praia enmudecera. Mais o mar seguía a bruar.

Encolléuseme o corazón. Aínda non me repuxen da perda de Paco Souto. Un par de minutos despois, baixaron a moto acuática. Logo tamén chegou outra embarcación. Foron case un par de horas angustiosas. De súpeto, o Helimer detívose nun punto. Pasaban os minutos e non se movía. A moto achegouse, a lancha achegou alí aos mergulladores. O corpo do mozo estaba localizado. A súa vida, perdida para sempre. Os submarinistas trouxérono á superficie. Foi dos cortexos fúnebres máis tristes que vin xamais. Moussa só quería recuperar o balón. Entrou na auga con tres compañeiros para iso, pero el non regresou.