¡Gibraltareña, olé, olé, olé!

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. Pombo O REINO DA CHOIVA

OPINIÓN

04 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Pasámonos media mocidade declarándolle o noso amor á gibraltareña e prometéndolle que cruzariamos a liña para bicala xunto ao Peñón. E ímonos a ir á outra vida entoando a mesma canción, con axuda dos Tres Suramericanos, que foron quen nun dos moitos ataques de patriotismo que padecemos, forráronse con aquela simpleza de que «España mostrou o camiño da verdade, por iso estoulle cantando á súa liberdade».

O do Peñón está como estaba hai 200 anos. Todo o destes días de que despois do brexit queda en Europa e polo tanto pasa a ser español; o dunha guerra do conservador Howard; e o de que a UE permite a España comportarse como un matón, do intelectual Picardo, forma parte do espectáculo cómico-taurino establecido entre quen non queren seguir ao noso lado e os que quedamos, iso si, moi doídos e preocupados.

O de «Xibraltar español» deulle un extraordinario rendemento á ditadura, e ata lle permitiu subir enteiros na época de maior escuridade. Pero a estas alturas volver recuperar o asunto denota a escasa responsabilidade das autoridades europeas, das británicas, das gibraltareñas e dalgunhas españolas.

Os problemas europeos son outros. Os de España, tamén. E moito máis serios e preocupantes. Se se lles quere meter o dedo no ollo aos británicos porque xa emprenderon o camiño sen regreso, que se busquen outros asuntos e que deixen en paz a Xibraltar. Porque «foron moitas noites as que soñamos co noso amor», que xa nos fixemos á idea de que se queremos á gibraltareña teremos que cruzar «a liña para bicarte xunto ao Peñón. Olé, olé, olé. Por ti, gibraltareña, eu vivirei». Que non nolo cambien agora.