Diarrea británica

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. Pombo O REINO DA CHOIVA

OPINIÓN

01 abr 2017 . Actualizado ás 10:33 h.

Considéroos sabedores dese novo fenómeno do pufo consistente en que os británicos que viaxan a España regresan afectados por unha gastroenterite e unhas diarreas que llos levan polo corbatín. Parece ser que son miles os que, unha vez en casa, presentan reclamacións por ter inxerido alimentos en mal estado e esixen unha indemnización a hoteis e restaurantes.

Os hostaleiros españois, especialmente os baleares, están moi preocupados en pescudar que é o que lles pode ter sentado mal á numerosa colonia de turistas británicos. Pero algúns temos o convencemento de que a descomposición lles entra cada vez que regresan aos seus fogares e decátanse do moito que gozaron, e de que deixan atrás un país divertidísimo que gasta o que non ten en alcol e mulleres, a dicir do intelectual Dijsselbloem, e da que se lles vén amais co brexit.

Porque, ademais dos 75.000 millóns de euros que da noite para o día perden, para ir abrindo boca, ninguén dubida de que a pouco que a UE se poña no seu papel, Gran Bretaña vaise decatar do que vale un peite. Xa pode lady Theresa May facer as chantaxes que lle veñan en gana porque a separación de Europa vai afectar ao turismo, ao comercio e ao traballo dos nosos mozos ben formados. Poden despedirse da City londiniense; por non falar da crise de investimento estranxeiro e empezar de novo nos acordos comerciais. A perda de poder adquisitivo deixámolo para outro día.

Así que, vistas as cousas, parece moi comprensible a epidemia que lles entrou aos británicos que reparan nas dificultades dos novos tempos. E non descartemos que padezan unha diarrea masiva. E que mesmo se agudice; porque a medida que se vaian enfrontando á realidade chegará a deshidratación e poida que ata un shock hipovolémico. Non é a comida, son os efectos do brexit.