O «okupocio»

Luis Ferrer i Balsebre
Luis Ferrer i Balsebre O TONEL DE DIÓGENES

OPINIÓN

26 abr 2017 . Actualizado ás 16:28 h.

Uns amigos contan a seguinte historia: resulta que teñen un piso céntrico na Coruña que ata hai unhas semanas ocupaba un membro da familia que faleceu. Cando foron a baleirar a vivenda atopáronse con que cambiaran a fechadura do portal -cosa estraña, xa que os dous pisos restantes do inmoble estaban baleiros-. Mentres forcexaba coa fechadura, apareceron dous enormes rottweiler que campaban polos seus foros dentro do inmoble; ao pouco saíu unha señorita informándolles de que alí só vivían eles cos cans e que a fechadura a cambiaron por seguridade. O meu amigo identificouse e argumentou que iso non era certo, que o terceiro era seu e ata hai dúas semanas vivía a súa cuñada. Sen máis explicacións, a muller díxolle que chamase ao seu marido. 

O tipo en cuestión desculpouse dicindo que estaba en Madrid por temas de traballo, pero que pola tarde regresaba e daríalle unha copia da chave do portal caída a noite. Quedaron e explicoulle tranquilamente que eles ocupara o edificio porque estaba baleiro e que non pensaban irse de alí porque estaban moi a gusto e moi ben situados. Sen dar crédito, pediulle que encerrase aos cans, porque tiña que subir á súa casa. Ao abrir o piso atopouse a cama desfeita e unha pota de lentellas no lume. Pero quen estivo aquí? -preguntou pasmado-. Nin idea -contestou o inquilino displicente-; se cadra meteuse unha amiga que estaba buscando un piso por esta zona.

Chamou sen máis dilación á policía para denunciar o feito. A policía presentouse e tras inspeccionar o lugar e identificar á parella okupa, solucionoulle o problema da seguinte forma: «Nós non podemos facer nada; ten sorte de que aínda non lle cambiaron a fechadura, porque entón non puidese entrar, sería unha violación de morada». E coas mesmas fóronse. Minutos máis tarde, o seu avogado ratificoulle a condena a sufrir esa kafkiana impotencia que che paraliza e encabrona.

O numero de okupas multiplicouse por sete en España nos últimos anos e pouco ten xa que ver coa urxencia social ou o desamparo; máis ben constituíuse nun pingüe beneficio para mafias e organizacións delituosas que fixeron da okupación un gran negocio. Por 500 euros, estes grupos facilítanlles as chaves do inmoble e unha vez dentro a única forma de botalos é pagándolles unha boa cantidade de diñeiro, co que o negocio lles sae redondo.

A que están os que teñen que lexislar estas cousas? Aos pisos ou aos Rolex?