Unha nova dinámica

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. pombo O REINO DA CHOIVA

OPINIÓN

18 mares 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai xa tempo que ETA morreu. O anuncio de onte forma parte do ritual funerario iniciado fai seis anos co comunicado do fin da violencia. Este proceso antóllase longo e tedioso ata que nos faga saber da súa disolución definitiva. Disolución que tardará máis ou menos tempo pero que, irremediablemente, chegará.

De nada serviron os 829 asasinados pola banda terrorista, nin o clima de terror no que nos fixo vivir durante décadas, nin a súa aloucada dinámica pola liberación de Euskadi. De nada. Se todos estes esforzos os utilizasen con máis mesura e sentido común, probablemente a estas alturas estariamos facendo un balance ben diferente. Pero, como no Chicago dos anos vinte, creron que sementando o terror lograrían os seus fins e agora, como fan os exércitos derrotados, entregan as súas armas humillados, deshonrados e avergoñados.

Chegados a este punto debemos de afrontar o futuro con realismo. Non podemos ser tan cándidos de esixirlles, ademais do arrepentimento público, a petición de perdón e a asunción das responsabilidades civís e económicas.

Tempo atrás este Goberno esixiu a entrega de armas e a disolución de ETA para entrar en «unha nova dinámica» A partir de hoxe dispón de elementos novos para iniciar xa esa dinámica, que debe pasar irremediablemente por facilitar o achegamento dos presos. Non será unha vitoria etarra. Porque hai tempo que ETA morreu. Agora só queda o acto definitivo da súa disolución, que é o mesmo que botar o peche ao cadaleito.