Eses horarios

Carlos Agulló Leal
Carlos Agulló O CHAFLÁN

OPINIÓN

10 mares 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A conciliación familiar, xornadas laborais máis curtas e produtivas e ata o cambio do fuso horario son xa propostas-gancho de calquera campaña electoral que se prece de estar «no que de verdade importa aos cidadáns», latiguillo que, en efecto, denota que os políticos pasan a maior parte do seu tempo onde os demais non estamos. Na última contenda non foi só promesa electoral, senón que se converteu en parte esencial do acordo entre o PP e Cidadáns que permitiu a Rajoy seguir vivindo na Moncloa.

Tamén en Galicia queremos conciliar. Tanto que Feijoo -agora pai de familia, propúxose non volver do traballo a horas intempestivas- anunciou o verán pasado a súa intención de converternos en referente da conciliación. E para iso conta cun político traballador, cabal, novo e pai dun neno pequeno, que fai campaña nos corredores do poder para que sexan eles os primeiros en dar exemplo, e que empecen por cortar con ese hábito tan pouco conciliador de comezar reunións e actos públicos pasadas as oito da tarde. Noutros lugares hano conseguido.

Aquí de momento anúnciase como obxectivo adiantar o fin da xornada laboral ás seis da tarde. Unha sa medida que non casa ben con outras decisións que, aínda que de forma colateral, tamén competen ao Goberno. A televisión pública está anunciando o arranque de dous novos programas de entretemento no que os nenos teñen un papel estelar... pero empezarán pasadas as dez da noite. Se os pais non poden conciliar cos fillos, polo menos que o fagan os fillos cos pais. E que se vaian acostumado a estes horarios tan nosos.