O que non se recoñece

Ernesto Sánchez Pombo
Ernesto S. Pombo O REINO DA CHOIVA

OPINIÓN

09 mares 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O que non se recoñece non existe. Ese é o principio que move ás nosas elites políticas. Os populares negan que existan casos de corrupción no seu partido; os socialistas, que existise un señor X e que en Andalucía reine a podremia; e os catalanistas, que sexan comisionistas. Agora, os que viñeron cambialo todo, os xusticeiros de Podemos, negan as denuncias de ameazas e presións a xornalistas.

Non nego que todos os partidos, multinacionais, grandes empresas e ata o fontaneiro da esquina presionen. Todos. De acordo ás súas posibilidades. É tan ridículo entrar nesa discusión como comparar, como fan os paxes de Podemos, os despedimentos dun plumilla que se vai ao paro co do director dun medio, que o fixo cos petos cheos.

Os responsables de Podemos pronto aprenderon dos seus adversarios iso de que o que se nega non existe. Que é o que fai habitualmente a caste que eles tanto deploran e á que din querer substituír para cambiar a forma de entender e exercer a democracia.

Non son sospeitoso de defender a postura corporativista da APM. O que me parece miserable é o comportamento de negar a evidencia. Que gran lección nos desen os mozos de Podemos se, aínda sen coñecer con detalle os casos, o lamentasen e pedido desculpas. Iso que non foron capaces de facer os dirixentes de PP e PSOE. E tampouco eles. Para chegar aquí houbo un 15M.