Samanta, os seus fillos e a calidade de vida

César Casal González
César Casal CORAZONADAS

OPINIÓN

26 feb 2017 . Actualizado ás 10:22 h.

Ninguén che ensina a ser nai ou pai. Non hai manuais. Cada fillo é un mundo. Cada pai, outro. Ese peso é duro, pero é fermoso.

A polémica sobre Samanta Villar e a súa maternidade parece calculada. Unha operación perfecta para vender o seu libro. Esta moza que se fixo famosa póndose na pel de distintos papeis, durante 21 días (21 días vivindo nunha chabola, 21 días fumando porros, etcétera...) para un programa de televisión, agora non tivo que pórse na pel de ninguén. Ela mesma foi a embarazada e ela mesma é a nai dos seus dous fillos. O que fixo é escribilo e dar moito xogo cada vez que abre a boca facendo declaracións. En xornalismo utilízase o de dar moito xogo cando alguén che regala os titulares. Samanta faino. Algúns din que para vender máis libros, e outros comentan que a moza é unha valente e que só lle puxo voz ao que moitas nais pensan e non se atreven a dicir no alto polo que dirán delas. Samanta subliñou que os seus fillos lle fixeron perder calidade de vida. Que non se agardaba que fose tan duro. Que a relación cos seus fillos, aos que adora, é tóxica. Así o repite nunha entrevista tras outra e enceréllase ata con empresas que venden produtos para bebé. No de Samanta creo que hai un pouco de cada cousa. Un pouco de saber vender libros e o que faga falta, e un pouco da punta do iceberg que supón ser pais e que case ninguén se atreve a manifestar. Ser pais pesa como a outra parte do iceberg, a que non se ve. É duro. Estou con Samanta. Ninguén che ensina a ser nai ou pai. Non hai manuais. Cada fillo é un mundo. Cada pai, outro. Ese peso é duro, pero é fermoso. Quítache calidade de vida, pero regálache outra calidade de vida. Bañalos un día é unha experiencia única. Bañalos todos os días é como correr o Tour sen doparse. Hai que ser sinceros. Claro que queremos aos fillos. Samanta tamén. Pero ás veces é tan difícil que non vén mal un pouco de sinceridade para todos os públicos, aínda que escandalice. O dos pais ideais si que non llo traga ninguén.