Cuestión de educación, non de idade mínima de acceso

Antonio Rial Boubeta PROFESOR DE PSICOLOXÍA SOCIAL DA USC

OPINIÓN

26 feb 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Ultimamente déulleme por participar asiduamente en xornadas, seminarios, faladoiros radiofónicos e seráns de diversa índole nos que sempre, sempre, sempre alguén remata facendo a mesma pregunta: A partir de que idade é conveniente que os nenos teñan móbil? Eu pregúntome se alguén se cuestiona a partir de que idade poden saír, beber a súa primeira cervexa ou ter o seu primeiro bico. «Cada casa é un mundo», diría a miña nai. Por iso o verdadeiramente importante en cada un deses casos non é a idade concreta a golpe de calendario, senón máis ben que fixemos antes dese momento e que pensamos facer a continuación, como nais e como pais.

Abúrreme ler nos medios que a policía recomenda prohibir o uso do móbil antes dos 12 anos e non permitir o WhatsApp ata os 16, coma se tratásese dunha fronteira exacta que poida delimitar o que pode ou non pode facerse, ou coma se fose cuestión das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado sentar cátedra respecto diso. Nais e pais debemos ser moi conscientes, iso si, de que detrás do móbil hai un verdadeiro risco, non só nos contidos aos que os nosos fillos poden acceder e a cantidade de leas nos que poden meterse, senón sobre todo no que deixan de facer e no que poden chegar a converterse. Algo tan aparentemente inocuo como un smartphone demostrou unha capacidade enorme de influír nas nosas vidas. O móbil, queiramos ou non, pode modificar a rutina e o estilo de vida de grandes e menores moito máis do que podemos imaxinar… e ao final rematamos sendo o que facemos cada día, as cousas nas que ocupamos cada minuto e cada hora das nosas vidas.

A clave, xa que logo, non está na idade á que permitimos que os nosos cachorros teñan móbil, senón a educación (e tamén o exemplo) que lle proporcionemos e as pautas, normas e límites que establezamos no día a día. Unha das formas máis básicas de educar consiste precisamente en establecer unha boa rutina: nos horarios, nas comidas, no soño, na hixiene. Vivir e ensinar a vivir dun determinado xeito. Paralelamente intentamos educar en valores e fomentar unhas boas habilidades de vida (asertividad, empatía, autonomía, solidariedade, respecto…).

O problema non son, polo tanto, os móbiles. O problema é que vivimos nunha sociedade cada vez máis individualista, tensa, atolondrada e descoidada, na que o lugar que ocupa a familia xa non é o que era e, a miúdo, conscientes do noso erro como pais e invadidos por un recorrente sentimento de culpa, pretendemos substituír a falta de atención aos nosos fillos con agasallos, tablets e smartphones último modelo, que rematan por converterse no noso peor inimigo. Sentido común, señores, que por desgraza é o menos común dos sentidos.