O Obradoiro é unha canteira de grandes xogadores interiores

JAIME CRESPO, N.C. SANTIAGO / LA VOZ

ANDAR MIUDIÑO

XOÁN A. SOLER

Allen vaise ao Tenerife, Kleber xogará na NBA e Whittington lócese cos Spurs

15 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Nas últimas horas varios interiores exobradoiristas acapararon os focos do baloncesto internacional, ben polas súas actuacións destacadas ou o seu pase a equipos punteiros. O estadounidense Shayne Whittington, pivote titular do Obradoiro a pasada campaña, está a demostrar todo o seu potencial nunha franquía potente na NBA como os San Antonio Spurs durante as Ligas de Verán de Utah e Las Vegas.

Formando equipo con mozos xogadores baixo contrato como Davis Bertans, Dejounte Murray ou Bryn Forbes, xunto ás promesas do draft 2017 Derrick White e Jaron Blossomgame, Shayne está callando uns partidos a gran nivel cos Spurs, que poderían facer que a franquía medite ofrecerlle un contrato para o curso 2017-2018. No último choque, o exobradoirista asinou oito puntos e oito rebotes na vitoria dos de San Antonio sobre os New Orleans Pelicans (86-81).

O interior de Míchigan destacou esta tempada en Sar grazas á súa gran técnica individual, o seu sólido tiro exterior e a súa habilidade reboteadora, contribuíndo ao xogo colectivo con 11,7 puntos (44 % en triplos) e 5,5 rebotes en 23 minutos sobre o parqué para 12 tantos de valoración media.

Allen reforza ao Tenerife

A á-pivote húngaro Rosco Allen (2,06 metros e 24 anos), que asinou o curso pasado no Obradoiro unhas notables medias de 10,7 puntos e 3,8 rebotes en 23 partidos, xogará a próxima campaña nas filas do Tenerife.

Tras un curso en Santiago, o xogador formado na Universidade de Stanford chega ao conxunto aurinegro para cubrir a marcha de Aaron Doornekamp ao Valencia Basket. Allen é internacional co seu país e xunto ao aleiro Adam Hanga lidera a preselección húngara para o próximo EuroBasket 2017.

O interior magiar, que está actualmente disputando as Ligas de Verán da NBA cos Boston Celtics, desembarcará nun equipo que disputou o último play off da Liga Endesa e que logrou conquistar a primeira edición da Basketball Champions League tras imporse na final ao Banvit de Turquía.

Kleber, aos Dallas Mavericks

Doutra banda, a á-pivote alemán Maxi Kleber (2,07 metros e 25 anos), ídolo de Sar durante a tempada 2014-2015, deixa o Bayern de Múnic tras dúas campañas e pon rumbo á NBA para asinar un contrato bianual cos Dallas Mavericks. A pesar dos seus problemas de lesións, Kleber logrou este ano unhas medias de 8,9 puntos e 5,3 rebotes na BBL alemá, con 9,7 puntos e 6.6 rebotes na EuroCup.

En Dallas, Kleber coincidirá co seu compatriota e compañeiro de selección, Dirk Nowitzki, unha lenda no equipo texano. Así mesmo, reunirase cun vello coñecido da afección compostelá, o tunisiano Salah Mejri.