Jaume Ponsarnau será un dos relatores no clínic do Obradoiro

LA VOZ SANTIAGO

SANTIAGO

A súa charla será sobre a «organización e metodoloxía das sesións individuais»

03 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Jaume Ponsarnau é adestrador axudante do Valencia Basket. O pasado verán conseguiu a medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Río como parte do corpo técnico da selección española de baloncesto, como axudante de Sergio Scariolo. En xullo estará en Santiago como relator no clínic «Desmontando ao adestrador axudante» e impartirá unha charla titulada «organización e metodoloxía das sesións individuais».

O técnico destaca que coa súa charla pretende «expor os diferentes enfoques filosóficos e prácticos das sesións individuais ou con grupos reducidos durante a tempada, a través de exemplos prácticos». Parécelle importante «entender como nun equipo profesional de alto rendemento hai que ser realista en canto á mentalidade e predisposición dos xogadores, para conseguir que eles saquen o máximo rendemento das sesións e preparalos para que axuden ao equipo a gañar máis».

Metodoloxías

Ponsarnau explica que busca «facer pensar a cada asistente que ten que facer para enfocar adecuadamente cos seus xogadores e xogadoras as sesións de traballo individuais ou con grupos reducidos durante a tempada». Sobre todo, quere «diferenciar a metodoloxía de sesións de traballo entre as que buscan mellorar o rendemento do xogador e as que buscan aumentar os recursos do xogador».

Sobre a figura do adestrador axudante, apunta que «é tamén adestrador, que ten un gran número de responsabilidade sobre moitas cousas sobre as que non hai unha información e formación específicas. Por iso, este clínic seguro que axudou nas edicións anteriores e seguirá axudando a que sexamos máis bos en facer o noso traballo como adestradores axudantes».

Na evolución está a clave, por iso o técnico analiza de forma positiva este clínic para todo aquel adestrador que queira mellorar adquirindo información específica do traballo de adestradores axudantes «porque pode axudar ao que xa sexa adestrador axudante ou ao que queira selo».