A canastra ponse de moda en Barbanza grazas ao Obradoiro

BARBANZA

DANI GESTOSO

O campus que celebra o equipo no termo boirense ten con 130 inscritos

28 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O ruído das zapatillas no parqué, os botes do balón, o rozamento da pelota atravesando a rede que todo baloncestista quere oír e a bucina do marcador son algúns dos sons que está semana están de moda en Barbanza. O motivo é que en Boiro se está desenvolvendo o campus deportivo promovido polo Obradoiro CAB, que arrincou o luns e concluirá o sábado. Un total de 130 amantes do baloncesto, de entre 6 e 18 anos, comparten no municipio barbancés sesións de adestramento e diferentes actividades que lles axudarán a crecer como deportistas.

A metade dos participantes proceden da zona e o resto desprázase a Boiro desde Santiago e as súas inmediacións. Entre eles camúflanse dous mozos ingleses que chegaron acompañados dun adestrador. Todos eles realizan sesións de adestramento durante a xornada matinal, de 10.00 a 14.00 horas, e de competicións pola tarde, entre as 16.00 e as 19.00. Para desenvolver todo o traballo, están a utilizarse os pavillóns da Cachada, Santa Baia, Praia Xardín e Barraña. A idea inicial tamén era usar as pistas exteriores, pero a chegada da choiva está condicionando este punto.

Aprender e practicar

Os exercicios de técnica individual están moi presentes durante a mañá, comenta Denis Pombar, un dos coordinadores do campamento. Para os participantes, os conos son xa un elemento co que están moi familiarizados. Entre tanto traballo tamén hai tempo para facer un alto e repor forzas, antes de «analizar situacións de xogo real».

As tardes son máis divertidas, xa que é o momento no que os baloncestistas se dividen en grupos e levan a cabo as competicións. O sábado, a actividade concluirá ás 13.30 horas e este día entregaranse os premios dos concursos de triplos, 3x3, 5x5, tiro por parellas e habilidades. Ademais, recoñecerase a dous participantes como os mellores do campus e estes gañarán unha bolsa para asistir a un campamento sobre baloncesto no Reino Unido.

Os deportistas están a ser dirixidos por técnicos das categorías basee do Obradoiro, que contan coa colaboración de adestradores do Santa Baia, o Noia e dun club de Vigo.