O Obradoiro quere aproveitar os puntos débiles do Valencia

LA VOZ SANTIAGO

ANDAR MIUDIÑO

O pivote local Mike Tobey perderase o encontro por unha lesión

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Moncho Fernández quere aproveitar os puntos débiles do Valencia Basket para protagonizar a sorpresa da xornada. O Obradoiro visitará hoxe (19.00 horas) a un equipo que pretende acabar como líder a fase regular na Liga Endesa.

O adestrador obradoirista sabe que a empresa será moi complicada, pero non quere guindar a toalla antes de tempo. O cinco compostelán buscará na capital levantina a súa décima vitoria ante un adversario que o ten todo, con moi boas porcentaxes e cunha gran defensa. O Valencia «anota desde moitas situacións diferentes» e grazas á boa defensa que ten consegue un bo contraataque. A pesar de todo, o Valencia non é perfecto e por iso o técnico santiagués intentará que o seu equipo presente a súa mellor versión para chegar ao final do duelo con opcións de vitoria.

Para este choque, o conxunto levantino non poderá contar co pivote Mike Tobey, que tivo que retirarse do adestramento do xoves ao sentir unha picada na zona do tendón de Aquiles da súa perna dereita. As probas ás que foi sometido revelan que o xogador norteamericano sofre unha rotura fibrilar parcial do sóleo dereito, polo que a participación de Mike Tobey está totalmente descartada para o choque ante o Obra.

O Obra é o único equipo da ACB que nunca gañou en Valencia, pero Moncho Fernández di que o seu equipo ten armas «para facerlle dano» ao rival e para acabar coa mala serie nesta pista.

O Valencia é actualmente o líder da clasificación con 21 triunfos, un máis dos que ten o Real Madrid, conxunto que disputou un encontro menos porque ten pendente un choque contra o Manresa. Os levantinos teñen dúas vitorias de vantaxe sobre o Tenerife, que é o quinto e o primeiro equipo que non gozaría da vantaxe de cancha nos cuartos de final do play off polo título.

Pedro Martínez, adestrador do Valencia Basket, sinala que «gañar é clave para ser cabeza de serie» nas eliminatorias polo título. Por iso, entende que será «un partido transcendental porque queda moi pouco e, aínda que todos son igual de importantes, cando xa quedan tres ou catro parece que teñen máis valor».