Santi Yusta quere ver ante o Murcia o mesmo cheo que fronte ao Real Madrid

LA VOZ SANTIAGO

SANTIAGO

Oskar_Matxin_Edesa

O aleiro madrileño sinala que gañar en Bilbao dálle ao Obradoiro «un pouco de marxe»

21 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Obradoiro prepárase, tras a gran vitoria acadada o luns na pista do Bilbao Basket, para un novo compromiso da Liga Endesa en Sar, que será o domingo a partir das seis da tarde fronte ao Murcia. Santi Yusta, que asinou un triplo decisivo en Bilbao a 47 segundos para o final, lembra que foi un triunfo «moi importante» para o seu equipo, que xogou con moita intensidade durante os corenta minutos do choque. «Tivemos moito acerto e iso deunos moita máis confianza para afrontar os seguintes partidos», lembra o xogador obradoirista.

O aleiro madrileño sinala que gañar en Bilbao dálle ao equipo «un pouco de marxe», pero destaca que iso non é razón para relaxarse: «Toca seguir traballando igual de duro para afrontar os próximos encontros». Yusta quere este domingo que o pavillón estea «igual de cheo que no partido como contra o Real Madrid. O que necesitamos para afrontar este e os encontros que quedan é que a afección siga animando en cada acción como o vén facendo». Por iso, desexa que todos os obradoiristas asistan a esta importante cita ante o Murcia. «Necesitamos ese plus que nos dá ver un pavillón cheo e animando», subliña.

O Murcia, que tamén loita por evitar o descenso, suma nestes momentos dúas vitorias máis que o cinco compostelán.

Os prezos

O duelo ante os murcianos foi declarado polo club santiagués como o partido do federado. Por iso, todos os afeccionados que teñan licenzas da Federación Galega de Baloncesto poderán comprar a súa entrada de tribuna 2 a 9 euros e de tribuna 1 a 14. Nas oficinas de Sar poderán adquirir polo mesmo prezo entradas para os seus familiares directos. O custo das localidades para o público en xeral será de 19 euros nos fondos, 29 na tribuna 2, 39 na tribuna 1 e 45 euros nas retráctiles. Tamén haberá prezos reducidos para menores de 18 anos, estudantes menores de 25, maiores de 65 e parados de longa duración.