O bohemio de Portas que estuda as herbas

María Hermida
maría hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

AROUSA

RAMON LEIRO

Dá cursos, conferencias e, sobre todo, goza indagando sobre as especies verdes do rural galego

20 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Tiña quince anos. Pero lémbrao coma se fose onte, aínda que xa pasou a barreira dos cincuenta. Mentres axudaba na leira aos seus pais, talvez con máis resignación que ganas, Xosé Braulio Mondragón Abuín, veciño do lugar de Lantaño, en Portas, fixouse nalgunhas das «malas herbas» que tanto traballo custaba sachar. «Mirei para elas e, non sei por que, empecei a pensar que todas aquelas herbas que ninguén quería, e que eran de tantas variedades distintas, seguro que tiñan que servir para algo bo. E así foi como me empecei a interesar por elas e a mirar que usos se lles podían dar. Penso que sempre fun un pouco raro, ou un pouco bohemio, senón non me había fixar niso», explica el. Empezou aí unha vida dedicada a mirar con ollos distintos dos do común dos mortais o verde que crece en Galicia. E a afección dura. De feito, converteuse no seu medio de vida.

Xosé Braulio, aínda que lle tiraba o asunto da botánica, matriculouse no seu día na facultade de Filosofía compostelá. «Tiña que ir alí, a filosofía é o saber máis importante, non podía deixalo pasar», di. Non chegou a rematar os seus estudos. «Non era para min, tivemos unha dialéctica entre eu mesmo e a carreira... era ela ou eu, e optei por min», sinala con retranca. Neses anos de universidade, o que si fixo foi ler e ler sobre herbas. Descubriu ao autor grego Dioscórides, considerado pai da farmacoloxía, e bebeu todo o que puido das súas letras. De aí saltou ás guías oficiais sobre herbas, a escritos de Frei Martín Sarmiento ou libros de pais franciscanos sobre o verde silvestre.

Volveu a Portas e decidiu seguir explorando naquel mundo en verde. Dedicouse algún tempo a cultivar plantas. E sempre seguiu estudando as herbas. Hai algún tempo empezou a pensar que esa afección súa talvez tamén lle podería servir como medio laboral. E niso está. Dedícase a dar cursos, conferencias, a explicar todo o que sabe nos colexios ou a realizar exposicións. Está dentro do programa da Deputación Pontegal e, alá onde llo piden, vai coas súas herbolarios e as súas ganas de convencer o mundo de que «nas herbas que se desprezan, está o mellor».

Braulio é sincero. O primeiro que di cando se lle pregunta polos usos que teñen especies tan comúns como silvas ou ortigas é o seguinte: «Antes de nada insistir que non se pode ir ao campo e empezar a coller herbas e tomalas ou usalas. Hai que saber o que se fai, porque hai especies velenosas e cuxo consumo pode ser mortal. Haino que dicir así para que quede moi clariño». Logo, déixase querer. Recita de memoria os nomes científicos de decenas de especies. E conta algúns usos curiosos. Poñamos exemplos. Fala de que masticar silvas axuda a deixar de fumar, xa que provoca un efecto na boca adverso ao sabor do tabaco; da verbena di que fresca e preparada en infusión é idónea para a dor de cabeza; brótelos novos dos piñeiros, aplicados directamente sobre a pel, asegura que son un remedio máis que eficaz para a psoriasis; das xestas, aínda que asegura que as hai moi distintas, sinala que serven para curar feridas na boca e, tomadas en infusión, frean unha diarrea; a menta poleo, indica, é idónea para as picaduras de pulgas... E así pode estar horas.

«Ou mellor tirábase»

Cóntao todo con retranca, con pasaxes cómicas polo medio ou trufando anécdotas de romanos e herbas sacras ou historias que escoitou de maiores en aldeas perdidas de Galicia. O seu cháchara é amena. Só se pon serio ao falar das ortigas. Por que? Porque lle dá pena a historia recente de Galicia:

«Mira que se pasou fame aquí e tiñamos a comida diante da porta. As estrugas teñen vitaminas, teñen ferro, son anianémicas... son moitísimo mellor que a verdura da horta que lle adoitamos botar ao caldo. ¡E pensar que non se empregaban, que pena dá!»

, sinala o home.

Braulio pasea por un campo. E párase con cada herba. Colle un estalote, pronuncia o seu nome latino, daquela o popular e conta a súa historia. Mentres, accede a explicar que hai máis aló das súas herbas. É cantante, entre baixo e barítono. Canta en corais e unha vez actuou coa Real Filharmonía de Galicia. Tamén xoga ao fútbol todos os luns. «Ves? Sonche algo bohemio», acaba dicindo.

«As ortigas son moitísimo mellores que a verdura que lle adoitamos botar ao caldo», sinala