Como ser un deseñador de moda

YES

ANGEL MANSO

Os DETALLES MARCAN A DIFERENZA E para ser deseñador de moda a clave está en non perdelos de vista. A receita é simple: un chisco de cultura visual, un puñado de paixón e mente aberta aos cambios. Hoxe en YES dámosche todos os ingredientes.

22 abr 2017 . Actualizado ás 05:05 h.

Hai quen chora cos carteis de Love Actually e quen o fai ao ver o carrusel final do desfile de Prada. Se es dos segundos poida que o teu futuro estea na moda. Porque en Galicia hai marisco, e moi bo, e tamén moito estilo. Nin Londres nin Nova York. O berce de Inditex é unha canteira de tendencias, deseñadores e estilistas que se rifan no medio mundo. Pero que hai que facer para vivir da moda? En YES pómonos ao choio para dar coa receita perfecta. «O primeiro que hai que ter é cultura visual e moita sensibilidade co que está a pasar á túa ao redor», conta Fernando Suárez, fundador e profesor da escola de deseño de moda Formarche, na Coruña. Primeira clave para meter a patita neste mundo. E a seguinte? «É importante ter unha inquietude estética e que che guste a moda. E con iso non me refiro a que a unha persoa lle guste ir de compras. Hai que distinguir entre moda consumidor e moda arte», apunta. E non perder de vista a creatividade: «Estamos moi influenciados por todo o que nos rodea, pero a creatividade é algo que se educa e trabállase. Non aparece da noite para a mañá».

Para Fernando, ademais de cultivar a mente con desfiles, libros ou calquera outra forma de expresión, fai falta dedicarlle moito tempo á práctica. «É imprescindible saber de patronaje, costura e debuxo, e é algo que todo o mundo pode aprender. Cando veñen á escola moitas persoas pregúntanme se un se pode dedicar á moda se non sabe debuxar, e eu dígolle que si. Ninguén naceu sen esa capacidade. Cun bo profesor e moito traballo conséguese», asegura. Trátase, segundo Fernando, «de pórlle ganas». «Tes que saber que esta carreira che vai a levar moitas horas porque hai unha chea de clases prácticas. Para dedicarse á moda hai falta tempo», advirte.

MÁIS ALÓ DO DESEÑO

Velaquí a pregunta do millón. Crear unha marca é o único futuro que lle agarda aos estudantes de moda? «Non, no meu caso, por exemplo, estudei deseño e sempre exercín de estilista. Ser deseñador de moda non implica só deseñar, hai moitas saídas», responde . Entre as profesións á alza, a de estilista e a de visual merchandising. «Cada vez consúmense máis imaxes e teñen máis peso as páxinas online, onde a xente quere ver looks bonitos», indica o docente. E é aquí onde entran en xogo os novos perfís laborais. Moitos chegan ás escolas querendo ter a súa propia firma, pero Fernando Suárez asegura que a idea inicial dos alumnos cambia ao finalizar os estudos: «Co paso do tempo ven que sacar ao mercado unha marca é difícil e prefiren primeiro aprender, formarse ben e adquirir experiencia antes de lanzarse á aventura».

Saint Martins, en Londres, e a escola de Anveres levan a palma aos mellores centros de moda. Dries Van Noten, Stella McCartney ou o desaparecido Alexander Mcqueen ocuparon os seus pupitres antes de converterse en estrelas da moda. «En Galicia hai unha industria da moda moi potente e a formación ten que ir nesa liña». Para manter o nivel, Suárez cre que é importante que as escolas se poñan as pilas «con temarios actualizados e profesores que estean en activo. Desta forma o alumno pode recibir unha educación máis consistente para triunfar no mundo real».

Catro formas de conseguilo

1. Cultura visual

Dedicarse á moda implica ter os ollos abertos, empaparse de desfiles, arte e libros que axuden a explotar a creatividade.

2. Traballo

E máis traballo. Hai que aplicarse duro para triunfar neste mundo. Aprender patronaje, costura e debuxo. 

3. Actualizarse

Non só o alumno debe estar aberto aos cambios. Tamén as escolas, con temarios novos e profesores que estean en activo.

4. Futuro laboral

Ser deseñador non é a única saída. Hai máis profesións con moito tirón, como estilista ou visual merchandising.