Reformas, que reformas?

Venancio Salcines. Profesor da UDC

MERCADOS

23 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Ata o FMI di que imos ben. Como levarlle a contraria co cenizo que acostuma ser? E a verdade é que non están descaminados, España evoluciona ben, o cal non quere dicir que o estea, soamente que os signos vitais de hoxe son mellores que os de onte. Que fixemos as reformas oportunas, afirma, e por iso, hoxe estamos como estamos. E como nunca tiven simpatía por este organismo, ao chegar a este punto, díxenme, basta Que reformas? Este país cambiou a súa estrutura económica por mortalidade, e punto. Por que as empresas que saíron con vida e algo oxigenadas son aquelas con capacidade de vender nos mercados exteriores? E, como os demais o viron, agora ninguén no sector industrial quere camiñar alegremente sen un departamento de internacional. É dicir, o sector empresarial español mudou de pel ao son dun único ritmo, composto por Darwin, e que versiona ao maior dos seus éxitos, a evolución das especies. En paralelo, as familias que llo puideron permitir aforraron, e moito. Estamos en máximos históricos, pero a outro ritmo musical, o que marca o medo. Na medida en que este desaparece, o aforro transfórmase en consumo, o cal á súa vez activa as actividades económicas suxeitas ao mercado doméstico, como o comercio. Se incorporamos un terceiro elemento, o desastre humano e social dunha boa parte das nacións árabes, xa temos o por que da nosa burbulla turística.

Estes son as tres grandes imaxes que sobresaen na nosa economía, internacionalización por falecemento da demanda interna, marcas históricas de riqueza financeira que mutan en consumo familiar e burbulla turística. Se entendemos estes procesos xa estamos capacitados para explicarlle que está a pasar en España ao noso primo de Arxentina, e por favor, non lle diga nada de reformas públicas, non vaia a ser que crean que facendo caso ao FMI van poder saír da súa crise económica.

Preocúpame que a sociedade compre o discurso de que saímos grazas a unha forte axenda reformista. E é que crerllo implica dous riscos, o primeiro, pór a mínimos as reformas pendentes, o segundo, entrar nunha espiral aloucada de gasto público.

España ten pendente unha batería de medidas lexislativas, desde cambiar a Lei Electoral ata redeseñar a nosa educación superior, pero, no plano puramente económico, as que se inicien han de ir encamiñadas tanto a unha maior eficiencia no gasto público como, por exemplo, a redución drástica do número de concellos, como a un novo marco tributario que estimule o investimento empresarial e favoreza as rendas do traballo. Esta nova fiscalidade ha de ir vinculada a unha maior imposición ao consumo. Nisto último, e sen que sirva de precedente, si comparto a tese do FMI de fortalecer a capacidade recadatoria do IVE. Postos a gravar é preferible facelo sobre o consumo que sobre a xeración de riqueza.

Adicionalmente, ha de realizarse unha reforma administrativa que elimine o principio de que todos os que nos relacionamos coa administración somos ladróns, vagos e maleantes, é dicir, que reduza drasticamente a burocracia, en especial á que se somete ao sector empresarial. E, doutra banda, hai que cambiar o principio moi español, de que o chan é un instrumento de especulación para o que o posúe. O Estado, a través do Sepes, debe entender que o chan industrial é un factor de produción para o que o usa e, xa que logo, o que toca é crealo para transferilo a prezos de custo ou mesmo en perdas. Máis nos custa asfaltar pistas de aeroportos baleiros ou rescatar autoestradas, e xa ve. En fin, se algo queda, son reformas por facer.