Máis Galicia

Venancio Salcines PROFESOR E EMPRESARIO

MERCADOS

23 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Abeleza, que dis que ás veces logro, -opinaba Virginia Woolf sobre a súa escritura-, só se consigue polo fracaso de obtela a base de moer todas as pedras xuntas». «E hai que enfrontarse coas cousas que un non é capaz de facer», afirmaba. «O arte do escritor -segundo J. M. Coetzee- non se pode estudar en ningures, aínda que si se pode aprender; consiste en crear unha forma e un punto de entrada que permita ao lector habitar en ela». Wolf, Coetzee? Por que falar de escritores e non de economistas, nunha columna que non só é económica, senón que ademais está nun suplemento salmón? Porque necesito dar un paso atrás. Dentro do meu argumentario, a miña ideoloxía doutra Galicia menos paternal aínda que máis respectuosa co individuo, máis envorcada na empresa privada e menos no sector público, máis aberta e global, faltaba falar do primeiro: Galicia. Non se pode estar todo o día discutindo sobre crear outro traxe sen dedicarlle unhas liñas ao corpo que o vai vestir. É certo que Galicia é un sentimento, a min graváronmo na pel os nosos emigrantes uruguaios, os de segunda xeración, aos que din clase en Montevideo hai xa un bo número de anos. Eles ensináronme a ser galego. Aprendín tarde, pero aprendín. Pero Galicia necesita ser algo máis que un sentimento e unha lingua, demanda un argumentario colectivo, que con fortes ancoraxes no sector empresarial, sexa de carácter envolvente e absorbente. Ten que ser belo, ao estilo de Wolf, porque debe ser capaz de enfrontarse ás cousas que nunca fomos capaces de facer, e terá que ter a capacidade de xerar sustancia, de dar corpo, de crear unha forma que sexa o punto de entrada de todos, dos do sur, dos do norte, dos de interior, dos da costa. E é que ou o construímos, ou non somos nada. Deixada fóra a nosa identidade, non pasamos de ser un terzo de Bogotá ou un barrio de Sao Paulo. Tan difícil é entendelo? A pesar diso, escondémonos nas nosas cidades e se as murallas que lles deseñamos non son suficientes, construímos un inimigo exterior, e se ese está preto de casa mellor. Postos a odiar, que sexa ao veciño.

O tecido económico galego é unha estrutura enormemente débil a nivel empresarial. Enchémonos a boca coa palabra pequena e mediana empresa, pero non deixa de ser unha gran mentira colectiva, somos un país anegado de compañías con menos de nove empregados, é dicir, microempresas, e esa realidade só se transforma con máis mercado, e o mercado non medrará se non hai máis Galicia. Mentres un día celebramos que as universidades dialogan entre si, dando por feito que é unha novidade, ao outro demostramos por vixésima vez que somos incapaces de crear unha área metropolitana. E xa non falemos de crear unha rede de transporte que supere os límites urbanos, para iso teremos que nacer outra vez como pobo. E é este minifundismo mental e non outro, o que está a converter a Galicia nunha mera bandeira, ausente de significado colectivo, de argumentario de país. A Galicia dos humildes, a do autónomo, a do empregado, a do desempregado, a do dependente, a do que ambiciona e non alcanza, non pode permitirse acoller ao que non fala, ao que non dialoga, ao que non necesita do outro, ao que non respecta. As nosas alforxas non alcanzan a soster aos reis da nada.

Necesitamos outro traxe económico, certo, pero por moita tea e esforzo que dediquemos a construír novas vestimentas, nunca seremos nada sen un novo corpo. Precisamos máis Galicia.