«Loitamos por crear unha cultura ética empresarial»

Laura Míguez Rúa
L. Míguez VIGO / LA VOZ

MERCADOS

Ofrecer ás empresas a posibilidade de limitar a súa responsabilidade penal nun caso xudicial é unha vantaxe que non está exenta de responsabilidades, como ben contemplan os programas de cumprimento normativo

18 abr 2017 . Actualizado ás 11:59 h.

Coñecer o lado máis escuro das empresas forma parte do día a día de Alba Lema (Santiago, 1975), licenciada en Dereito pola USC e especializada nos programas compliance, de cumprimento normativo, un tema de máximo interese para empresas de todo o ámbito galego e de todos os sectores.

-Que é un programa compliance?

-É un remato anglosaxón que significa cumprimento, estes plans poderían definirse como un conxunto de políticas, protocolos e procedementos encamiñados a garantir o cumprimento normativo entre os empregados dunha organización e a promover unha verdadeira cultura ética empresarial. En España, no ano 2015, fíxose unha reforma no Código Penal que introduciu unha modificación do réxime de responsabilidade das persoas xurídicas nalgúns casos nos que conten con este programa. Non se pode interpretar como un salvoconducto, en realidade loitamos por implantar unha cultura ética empresarial, pero hai firmas que poden evitar unha responsabilidade penal.

-Dirixirá un curso na Escola de Negocios da Coruña sobre iso.

-Será un curso de 40 horas que constará de oito módulos e está dirixido a membros do órgano de administración das empresas. Hai 15 prazas aínda que barallamos amplialo. É moi práctico e por iso preferimos grupos pequenos. Será os venres, de 18 a 22 horas, e sábado, de 9 a 13, a última fin de semana de abril e todos os do mes de maio.

-A que tipo de empresas pódeselles aplicar o programa?

-A todo tipo, con independencia do tamaño ou o sector. Na nosa empresa SMC Compliance temos compañas do sector pesqueiro, seguros, produtos e servizos e tamén do ámbito deportivo, porque en primeira e segunda división é obrigatorio para os equipos.

-Canto tempo pode levar?

-Depende de se a firma xa ten controis implantados, iso facilítanos moito o labor. Nunha compaña de cen empregados podemos necesitar un mínimo de entre 4 e 6 meses. Logo varía, tiven casos de dous e outros dun ano. Hai que destacar que conto cun equipo de especialistas en todos os ámbitos, porque é necesario un grupo multidisciplinar. Hai moito intrusismo porque este é un gran nicho de mercado agora mesmo, pero as empresas non se deben deixar enganar. Existen programas informáticos e introducindo determinados datos ofrécenche un mapa de risco, pero non ten nada que ver co que facemos nós.

-Canto persoal traballa no programa?

-Depende da empresa que toque, pero para unha firma duns cen traballadores adoitamos facer un equipo dunhas 4 ou 5 persoas. O equipo de colaboradores é bastante estable, aínda que non vivimos só dos programas de cumprimento. Para min, o importante é que sexan bos profesionais e teñan empatía, porque entramos ata as entrañas da empresa, coñecemos os seus problemas e miserias e debemos saber aconsellarlles. Temos desde persoal especializado en dereito laboral, fiscal ou penal a especialistas en protección de datos, en xestión de sistemas ou en prevención de fraude interna.