MoonOff, a empresa galega que ilumina a medio mundo

Luisa López A Coruña / LA VOZ

MERCADOS

CEDIDA

A firma compostelá converteuse nun referente a nivel mundial no sector da iluminación; o segredo, unha conxugación de deseño e técnica

23 oct 2016 . Actualizado ás 12:07 h.

En tan só catro anos de actividade, MoonOff conseguiu facerse un oco nas principais feiras mundiais do sector da iluminación. Esta empresa galega, con base en Santiago e fundada por José Anxo Juncal, Diego Mata, Fran Dosil e José Ramón García, converteuse en pouco tempo nun polo tecnolóxico de forte crecemento e facturación nos ámbitos da electrónica de consumo, a profesional, a telefonía móbil e fixa e a iluminación LED.

A isto hai que sumar os servizos que ofrecen en enxeñería e industrialización para grandes corporacións, e-commerce e outros non vinculados coa tecnoloxía que lles levaron a acadar a vintena de empresas, entre as que se atopa MoonOff. «Desde o principio, algo que nos define moi ben é o noso slogan Born to illuminate the world (Nados para iluminar o mundo), que destaca o carácter ambicioso e valente da compaña. Un dos nosos fitos foi que ao ano e medio de creación da empresa, xa contabamos con filial en Miami para atender a demanda dos países do continente americano. Actualmente, un 40 % da facturación total provén do mercado internacional, con facturación en máis de 15 países», explica Diego Mata, director comercial.

A firma, que emprega hoxe a 52 profesionais, atopou na internacionalización «unha forma de combater a crise do mercado interno. Decidimos emprender nun ano complicado para a economía a nivel nacional, onde a crise está instaurada e as administracións públicas pasan por un mal momento», lembra Mata.

A súa presenza en eventos internacionais como a principal feira mundial do sector, Matelec 2015 (Chile), ou a que acollerá Madrid a próxima semana, deron a oportunidade a MoonOff de ser provedores de empresas por todo o mundo. «O cliente prémianos por ofrecer un produto innovador, eficiente, coa mellor relación calidade-prezo e unha proximidade que nos permite afrontar conxuntamente e garantía de éxito os proxectos, algo que non é habitual na relación fabricante-cliente. MoonOff é un proxecto de éxito pola historia que a acompaña. Trátase dunha empresa nova e con poucos anos de actividade que creceu a pasos axigantados en todo: persoal, mercado e facturación; pero sobre todo en proxectos futuros xa consolidados», engade outro dos socios.

Na actualidade, a compaña está inmersa nun proxecto en Galicia coa colocación de 5.000 unidades da súa luminaria Tesla, referente no sector tanto polo seu deseño como polas súas características técnicas. Desde a súa fundación, a compaña está presente en máis de cen concellos galegos. «Outros dos proxectos que desenvolvemos están orientados a empresas do sector industrial galego, grandes retails, clínicas dentais, instalacións deportivas, cadeas de supermercados, as cales están a ser pioneiras á hora de entender o cambio á tecnoloxía led para reducir os seus custos», explica José Ramón García, presidente da compaña.

Innovación

A innovación en MoonOff é un «valor de empresa». Segundo explican os seus fundadores, desenvólvese na selección de persoal, «proceso o cal é fundamental para a continuidade dos valores. Creemos que para chegar a un fin, todos os recursos son pezas crave no desenvolvemento do proceso. Isto deriva nun método de traballo áxil, comunicativo e en equipo, buscando crear un ambiente positivo para a integración de todos os recursos», engaden. Sobre o futuro, os empresarios son conscientes de que aínda quedan obxectivos que acadar. «Obviamente MoonOff é unha compaña nova con moito camiño aínda por andar. Os crecementos agardados seguirán sendo exponenciais en liña coa explosión deste mercado led. A facturación agardada no noso plan estratéxico, que conclúe no ano 2019, é acadar os trinta millóns de euros nese último exercicio; dos cales un 50 % virán do mercado internacional», destaca o presidente da empresa.

A empresa compostelá realiza un forte investimento en I+D. | cedida