Patrocinado por Patrocinadopor

A flota galega exponse a non pescar anchoa ao sur de Fisterra durante 4 anos

e. abuín / e. mouzo REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

emiliano mouzo

O cerco esixe unha solución para cubrir as case 500 toneladas que pescou de máis

27 jul 2017 . Actualizado ás 10:31 h.

O bocarte tocou augas galegas. A semana pasada, varios cerqueiros descargaban na Coruña miles de quilos da especie. Caixas con exemplares de extraordinaria calidade, das que buscan tanto o fresco como as conserveiras, e que se pagaron entre 2,50 e 4,50 euros o quilo.

Afortunadamente esa presenza estase dando ao norte de Fisterra , no que aínda é zona VIIIc -Cantábrico Noroeste-, e aínda queda cota, grazas á reserva do 15 % da cota que se reservou para o segundo semestre do ano. Porque ao sur dese accidente xeográfico que se ten polo fin do mundo, e que marca o inicio da zona IXa, que se estende de Fisterra ao golfo de Cádiz , a flota galega non pode capturar nin unha anchoa desde o mes de marzo. De facelo, agravaría a avultada sobrepesca na que xa incorreu, pois capturou máis de 500 toneladas cando a súa cota para este 2017 é de 68 toneladas. Iso é, sete veces por amais do autorizado.

Por máis que o Ministerio de Agricultura teña conseguido un intercambio con Portugal que facilitou 200 toneladas, falta outro tanto por cubrir. Así é que ou a Secretaría Xeral de Pesca atopa toneladas suficientes para tapar o buraco, ou a flota galega de cerco que pesca ao sur de Fisterra non poderá resarcir a sobrepesca na que incorreu este ano en case un lustro. Non podería pescar durante 4 anos, asegura Andrés García, portavoz da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (Acerga).

Solución pendente

Nin que dicir ten que o colectivo ao que representa esixe unha solución para evitar que se chegue a ese extremo. Unha saída que, por outra banda, acumula xa anos de atraso. Tantos, como os que leva en práctica o plan de xestión do Cantábrico-Noroeste que repartiu entre segmentos de flota, caladoiros e comunidades autónomas -cando non provincias- a cota de varias especies, entre elas a anchoa. E como mandou o criterio de capturas históricas, no caso da anchoa da IXa quedoulla case toda Andalucía. A flota do golfo de Cádiz recibiu o 98,86 % (6.000 toneladas este ano), mentres que Galicia, onde non adoitaba abundar a especie, recibiu o 1,14 % (68 toneladas no 2017), baixo o compromiso -despois de que os pescadores galegos puxesen o berro no ceo- de que se aparecía anchoa nesa parte do caladoiro o Goberno «buscaría cota adicional» de anchoa para a flota galega. Coa mala sorte ou casualidade de que a partir dese ano, o 2013, apareceu e en abundancia.

«Teñen que darnos unha solución xa», apuntan desde Acerga. «É un problema serio que ninguén afronta; haberá que falar cos científicos e tratar de facer un novo stock, non creo que o bocarte do sur de Fisterra teña moito que ver co do golfo de Cádiz e non co que hai na VIIIc», sinala Andrés García Iso ou traspasar toneladas «de onde sexa» a Galicia.

O que non pode ser é que a flota «teña que quedar a mirar para o bocarte cando o hai sen poder pescalo». E menos cando o quilo, alá por marzo, vendeuse a un máximo de 7 euros o quilo.