Patrocinado por Patrocinadopor

A anchoa «sáese» do Cantábrico

e. abuín REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

Científicos vascos certifican a boa saúde do «stock», cuxa biomasa cuadruplica a recomendada

24 jul 2017 . Actualizado ás 07:46 h.

A anchoa do Cantábrico sáese. Pero é que, ademais, podería dicirse que a anchoa se sae do Cantábrico. De tanta que hai, se se permite a licenza hiperbólica. Atrás queda aquel pesadelo que motivou o peche da pesqueira durante cinco longos anos porque daba síntomas de esgotamento e hoxe o stock continúa dando sinais de boa saúde. 

A situación actual é ben diferente da do 2005, cando non se vía unha anchoa no caladoiro. Agora estímase que no golfo de Biscaia debe de haber ao redor de 85.000 toneladas de bocarte. É dicir, catro veces máis da que, atendendo ao rendemento máximo sostible (RMS) -contrasinal da política pesqueira común en materia de xestión a partir do 2020-, é a biomasa límite da especie: 21.000 toneladas. Son os datos -provisionais, iso si- da campaña Bioman 2017, que cada primavera realizan investigadores do instituto tecnolóxico vasco AZTI para avaliar a abundancia de anchoa adulta mediante o método de produción diaria de ovos. Eses resultados atópanse, segundo o propio AZTI , entre os catro mellores dos últimos 30 anos, desde o principio da serie histórica.

Hai abundancia e houbo un bo recrutamento, aínda que todo apunta a que o perfil da próxima costeira vai ser similar ao de leste e outros exercicios, con amplas capturas de especies de tamaño pequeno. Talla permitida, pero escasa para as conserveiras. Iso é o que pode deducirse do feito de que o 75 % dos individuos que se incorporaron á pesqueira eran exemplares dun ano de vida, unha porcentaxe «alta, en relación coa serie histórica». As anchoas de dous anos supoñen un 19 % da biomasa, mentres que baixa ao 6% do total o que corresponde a bocarte de tres anos.

Fixar o TAC

Os datos obtidos no marco da campaña Bioman 2017, en conxunto coas achegas que realicen outras institucións a nivel internacional, servirán para elaborar o ditame científico sobre os niveis de explotación da anchoa, que á súa vez permitirá á Comisión Europea establecer as medidas de xestión oportunas, como o total admisible de captura (TAC), que garantan a sustentabilidade da actividade pesqueira. Bioman 2017, que avalía a poboación de anchoa adulta mediante o método de produción diaria de ovos, debe completarse cos resultados da Pelgas e Juvena, campañas con idéntico obxectivo pero que empregan métodos acústicos para determinar a biomasa, e cos datos de captura da flota. Esa análise desenvolverase en novembro, no marco do grupo de traballo de anchoa, sardiña e xurelo do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES), que determinará o estado do stock

Unha das mellores costeiras en dous decenios, segundo o Goberno vasco

Aos armadores de buques de cerco galegos que se desprazaron a augas de Cantabria e o País Vasco para tomar parte na costeira da anchoa deste ano aínda non se lles borrou o sorriso da cara. Esa que se debuxa no rostro cando a sorte se pon de cara e o peixe entra ben na rede e as capturas páganse en lonxa aínda mellor. E este ano foi dos que se pescou ben e pagouse mellor. Tanto, que algúns profesionais optaron por atrasar o regreso a Galicia e fixeron o seu rentrée na esquina máis occidental do caladoiro xa con san Xoán e a súa sardiña amais .  

Esa bonanza certifícaa mesmo o Departamento de Desenvolvemento Económico e Infraestruturas do Goberno vasco, que sostén que a costeira da anchoa deste ano «deu lugar a unha das mellores campañas dos últimos 20 anos». As capturas que levaban poxadas nos portos vascos ata agora maio sumaban máis 16.000 toneladas (un 20 % máis que o ano pasado), cuxo prezo medio se situou ao redor de 1,62 euros o quilo (0,8 céntimos por amais da media do 2016) e a facturación total en máis de 26 millóns de euros (un 25 % máis).

Se ao principio da tempada dominaban os exemplares de tamaño pequeno, ao avanzar a costeira barcos galegos deron con bancos de anchoa de bo tamaño que dispararon a cotización e subiron a media. O volume de capturas fixo que a campaña se pechase un par de semanas antes da data prevista, pois xa se acadou o 85 % da cota e, ademais, caeran drasticamente as cotizacións.