Patrocinado por Patrocinadopor

Os espaderos piden apoio ao Goberno contra as descargas de pesca ilegal

La Voz MADRID / EFE

PESCA E MARISQUEO

Con 43 buques asociados, que operan en augas internacionais, a entidade conseguiu o status de Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) transnacional

26 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) pediu este venres ao secretario xeral de Pesca, Alberto López Asenjo, «apoio» contra as descargas de capturas ilegais de especies como peixe espada ou quenlla, e un respaldo para garantir a renovación desta flota.

A asociación, con sede na Guarda, abordou co responsable pesqueiro as cuestións máis preocupantes, á cabeza da que aparece a competencia ilícita que chega da actividade pirata. «Queremos dar visibilidade ás boas prácticas dos nosos barcos e á súa actividade sostible, porque nos miran con lupa. Estamos baixo o foco mediático, a diferenza de flotas como as asiáticas, e non queremos que se nos meta a todos no mesmo saco», sinalou o presidente de Orpagu, Joaquín Cadilla. Por iso, pediu «máis atención» por parte da Administración para frear as descargas ilegais.

Con 43 buques asociados, que operan en augas internacionais, a entidade conseguiu o status de Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) transnacional, porque ampliou o seu ámbito a Portugal.