Patrocinado por Patrocinadopor

Galicia prepara un segundo informe para protexer a súa pesca no «brexit»

e. abuín REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

Feijoo cifra o impacto en 105 barcos, 1.700 tripulantes e 250 millóns de euros

26 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Nada máis pronunciarse os británicos a favor do brexit, Galicia sacou o metro para calibrar as posibles consecuencias na súa pesca dese desmarque do Reino Unido da Unión Europea. Encargou un informe ao Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga, do que se desprende que ese divorcio afectará a máis de 105 barcos galegos que operan en Gran sol e as illas Malvinas, a ao redor de 1.700 tripulantes galegos e pon en risco un volume de negocio duns 250 millóns de euros. Un impacto que non é menor, e así llo fixo ver onte o presidente galego, Alberto Núñez Feijoo, ao director xeral de Asuntos Marítimos e Pesqueiros da DG-Mare (Dirección Xeral de Asuntos Marítimos), Joãou Aguiar Machado, co que abordou os retos de futuro da pesca galega e o imperativo para Galicia de converter en oportunidade todo o que de ameaza ten o desmarque británico.

Feijoo valorou a «sensibilidade mostrada» polo alto funcionario portugués e comprometeuse con el a presentarlle un segundo documento, este con datos sobre o impacto socioeconómico do brexit en Galicia, para reforzar a idea de que a pesca ten que ser «un elemento fundamental» nas negociacións da saída e os intereses da pesca galega «teñen que ser prioritarios dentro das novas relacións que imos ter co Reino Unido».

O traballo, xa en proceso de elaboración na Facultade de , Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago terá que complementarse con accións de sensibilización «ao Estado español, que é o noso representante en Bruxelas, aos comisarios e a toda a Unión Europea» para que compartan esa prioridade que Galicia pide para o seu sector pesqueiro.

Flexibilidade nas cotas

Á parte do brexit, Feijoo analizou con Aguiar outras cuestións como a necesidade de flexibilizar as cotas, no sentido de que é preciso «que os países que non pescan deixen as cotas para os países que si pescamos», aínda que lembrou que nas últimas negociacións Galicia aumentou as súas cotas nun 40 % e un 100 % o seu valor.

Esa elasticidade que reclama para o intercambio de cotas, o presidente galego fíxoa extensiva á prohibición dos descartes.

Tamén abordaron o problema dos barcos de baixura co botiquín do tamaño que Bruxelas lles obriga a levar.

Ao termo da reunión, Núñez Feijoo, que estivo acompañado da conselleira de Mar, Rosa Quintana, e a directora xeral de Pesca, Mercedes Rodríguez, percorreu os expositores das máis de 60 firmas galegas que están presentes na Seafood de Bruxelas.