Patrocinado por Patrocinadopor

A Universidade de Santiago participa nun proxecto para cultivar peixe limón

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

Instalaciones de Insuíña en Xove
Instalacións de Insuíña en Xove PEPA LOSADA

O equipo de Carlos Pereira investiga sobre as patoloxías existentes ou emerxentes que poden pór en risco o seu cultivo

18 ene 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A seriola, tamén coñecida por peixe limón, é unha das especies con gran potencialidade para a acuicultura. Unha variedade de crecemento rápido, cunha carne similar á do peixe espada, prezos importantes... Canarias viuno claro. Tanto, que lidera o proxecto Seriola, un dos seleccionados dentro dos plans nacionais de acuicultura.

A batuta lévaa o grupo de investigación en acuicultura (GIA) da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria , pero tamén hai participación galega. E non só por parte das empresas que participan no proxecto -pois está Insuiña do grupo Nova Pescanova, ao lado de Niordseas, Socat e Skretting España-, senón tamén pola académica. Está embarcada a Universidade de Santiago (USC), a través do seu Instituto de Acuicultura. É o equipo do centro que dirixe Carlos Pereira o que se encarga do apartado de patoloxía e correspóndelle investigar sobre as patoloxías xa existentes ou emerxentes que poden pór en risco o cultivo do peixe limón, á vez que tratan de desenvolver protocolos que minimicen o seu efecto ou que potencien a produción.

Obstáculos

Segundo explican desde o Instituto de Acuicultura da USC, os principais obstáculos aos que se enfronta o cultivo de seriola non son moi diferentes aos que presenta a cría doutras especies propostas para diversificar a acuicultura mariña.

O Seriola é un proxecto de cooperación que persegue a mellora do proceso larvario do peixe limón, así como a optimización do seu engorde «atendendo a todos os aspectos produtivos, incluídos os relacionados co mercado, que permitan potenciar o desenvolvemento dunha acuicultura sustentable», apuntan desde o equipo que dirixe Pereira Dopazo.

No caso do cultivo do peixe limón, o proxecto arrinca xa con certos avances conseguidos no que respecta ás postas en catividade e en canto á dieta e alimentación máis adecuada para mellorar a produción. As patoloxías, con todo, seguen sendo unha fonte de incertezas, de aí a importancia do traballo do equipo galego.