Patrocinado por Patrocinadopor

A «lotería» toca de novo en Galicia

E. A. REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

A Comisión para a Conservación do Atún Atlántico organiza anualmente un sorteo para incentivar que a flota entregue os exemplares marcados que captura

24 oct 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Para incentivar que a flota entregue os exemplares marcados que captura, a Comisión para a Conservación do Atún Atlántico (ICCAT) organiza anualmente un sorteo entre todas as que reciben os científicos. O premio son 500 dólares (460 euros) en cada un dos distintos apartados: peixe espada, marlines, quenllas e atúns. Este ano, dous deses premios caeron en Galicia. Na Guarda, para ser máis precisos. 

Nada estraño, por outra banda. Tócalle por mera cuestión estatística. E pola lei de probabilidades, que fixo que a lotería teña agraciado a dous buques que recapturaron un peixe espada, un, e unha quenlla, o outro, especies obxectivo da flota galega.

Así as cousas, no apartado de quenllas, a marca premiada foi recuperada por José Antonio López, patrón do palangreiro de superficie Lomba Mauri, que a atopou adherida á parte externa do corpo dunha quenlla (Prionace glauca). O exemplar foi marcado por científicos estadounidenses e recuperado polo pesqueiro galego 921 días despois de que fose liberado. Neses dous anos e medio desprazouse do norte ao sur do océano Atlántico e creceu 42 centímetros. 

Un peixe espada

O outro premio que caeu en Galicia foi para o tamén palangreiro guardés Ribel Terceiro. O pescador Roberto Miniño entregou a marca que atopou nun peixe espada. Fora colocada en marzo do 2006 por un observador científico español, que liberou o exemplar nas illas Canarias. Miniño recuperouno 10 anos despois.  

«Desexamos que estes premios continúen alentando o esforzo diario da flota de palangre con base en Galicia, que colabora desde hai décadas co programa de marcado e recaptura que desenvolve o equipo de túnidos e afíns do IEO na Coruña», apuntan os responsables do devandito programa.