Patrocinado por Patrocinadopor

Rosa Quintana: «Non se me pode pedir que defenda un reparto de cotas no que Galicia perda»

Espe Abuín REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

SANDRA ALONSO

A conselleira do Mar só defenderá en Madrid un cambio de criterio se hai consenso no sector e beneficia ao conxunto da flota

06 ene 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha volta aos orixes. Despois de tres anos dividíndose entre Medio Rural e Mar, o sector pesqueiro recuperou en exclusiva a Rosa Quintana (Venezuela, 1959). Nin unha doenza complicada, xa superada, foi capaz de truncar o seu optimismo. Está convencida de que Galicia non vai deixar de ser unha potencia pesqueira e de que vai saír airosa dos retos que ten por diante. Que son moitos.

-Non é habitual preguntar pola saúde nunha entrevista, pero parece xustificado. Qué tal está?

-Sen ningún tipo de problema. Todas as revisións perfectas e me encontro moi ben. Eu sempre digo que nunca estiven mal, porque estiven 15 días de baixa contando os do ingreso hospitalario. Así que ao pe do canón.

-Xuntar de novo as consellerías foi para reparar un erro?

-Hai que ver o momento en que se fixo. Era o 2012 e se estaba a pedir aos cidadáns un esforzo moi importante para saír da crise. O presidente nos pediu un xesto especial, como el tamén o fixo, e houbo que reducir o número de departamentos. Se entendeu que os sectores primarios deberían estar nunha mesma consellería. En canto se albiscou una recuperación económica, a primeira decisión foi separar estas, cando podía haber disgregado outras. Agradezo ao presidente que me descargara un pouco, porque foron tres anos de un esforzo persoal grande e de sacrificio da vida familiar.

-Ten novo despacho. Vese desde aquí a acampada dos mariñeiros? Levan máis de 70 días e aínda sen visos de solución.

-Iso de que sen solucións non é certo. Si que levan 70 días diante da Xunta, pero nunca se lles pechou a porta, nin se deixou de atender ningunha solicitude de reunión. Por tanto, a decisión de colocar as tendas, respéctoa, pero non son capaz de entendela. O que se fixo dende Galicia foi reunir a todos os representantes do sector para chegar a Madrid con unha postura común para conseguir as maiores posibilidades de pesca para Galicia. Cando se fixo o reparto, a gran preocupación era a xarda, aínda que nós matiñamos que era o xurelo. O sector entendía entón que si acadáramos o 25 % da cota de xarda sería un resultado magnífico e se conseguiu o 24,9 %, que coas correccións posteriores pasamos ao 26 %. No caso do xurelo, na zona IXa, ao sur de Fisterra, onde faena maioritariamente a nosa flota, temos o 98,7 % do xurelo, co que entendo que os criterios non nos prexudicaron. Si hai barcos que quedaron sen posibilidades de pesca porque non ían á xarda nin ao xurelo, ou porque os compraron despois de anos parados, pero pedimos que nos comunicaran eses casos para buscarlle unha solución. A día de hoxe estamos esperando aínda a que nos identifiquen esas embarcacións que teñen problemas.

-Vai Galicia pedir en Madrid un cambio de criterios de reparto?

-E está estudado outro criterio de reparto? Analizado se nos prexudica ou beneficia? Porque co reparto lineal por tripulante, ao facer os números resulta que Galicia perde moitísimo. Andalucía ten 1.100 tripulantes, Galicia, 1.228, así que so na zona IXa perdemos o 50 % do xurelo, onde temos agora o 98,7 %. E o cerco admíteo: ?Galicia vai perder, pero nós imos gañar?, din. ¡Oia vostede, a min, como conselleira, non me pode pedir que defenda unha postura na que Galicia perda! ¡Pídame vostede unha xestión que facilite que nós teñamos máis posibilidades de pesca! E así é que dende o 2009 se incrementaron as cotas do cerco nun 52 %, que se aumentou a flexibilidade entre zonas, que se conseguiu un incremento do cupo para o xurelo que é a nosa especie obxectivo como agora recoñecen... E sempre dixemos: se hai algún criterio de reparto que acade maior consenso entre o sector e que nos favorece, aplicarémolo. Nós non temos ningún capricho, nós o que queremos é que non queden peixes sen pescar.

-Pero o problema é o reparto interno; o que ten poucos quilos seguirá sen chegarlle.

-A Administración pesqueira, tanto galega como a do Estado, éramos partidarias dunha xestión conxunta. Foron os propios representantes de Acerga os que pediron a xestión individual.

-Pois agora téñena conxunta.

-Quen cambiou de postura non foi a Administración. Unha vez que apostas pola xestión individual e cada armador sabe o que lle corresponde, como pode a Administración obrigarlle a renunciar á xestión individual? Creo que hai que facer unha xestión conxunta, pero non unha xestión que permita que un barco determinado poda elevar as súas descargas do 2012 ao 2015 un 1000 % e outro baixe un 50 %. Iso non é facer unha boa xestión da cota en conxunto. -Énchesenos a boca con dicir que a pesca é un sector estratéxico, pero non se está desmantelando con tanto despezamento?

-Hai despeces en determinadas flotas. As axudas acaban no 2017 e por iso hai tantas solicitudes nestes anos. Cando vexo que se despeza un barco, dóeme na alma. Agora ben, as condicións de pesca nas que entramos na Unión Europea levaban este camiño, non outro. Hai dous anos no palangre de superficie había unha gran apetencia por darse de baixa, pero se recuperaron os prezos do espada e se retiraron todos. No arrastre hai despeces, pero se acumulan as cotas noutro barco que ten base aquí e sigue a dar riqueza aquí. Os estudos económicos apuntan a que Galicia segue sendo punteira en todo aquilo que ten que ver coa pesca, xa sexa extraendo ou transformando os produtos que traemos de terceiros países. Non vexo que Galicia a curto prazo deixe de ser unha potencia na pesca. Todo o contrario. A vexo cada vez máis consolidada.

-Toca renovar o acordo con Portugal. Galicia vai ser belixerante para que as flotas operen en igualdade de condicións, ou os armadores seguirán tendo que comprar barcos lusos?

-Por suposto. ós sempre defendemos que fora así, pero os asesores xurídicos portugueses deron con outra interpretación do artigo que obrigaba ao descanso semanal. O positivo é que entón se renovou por dous anos e non por dez. Imos empezar unhas novas negociacións e espero, dende logo, que os criterios que dende Galicia defendemos se poñan en valor.

«Por que ao falar de acuicultura se pensa en multinacionais e en venderlle as praias aos chinos?»

Quintana está convencida de que a flota galega vai saír airosa do reto dos descartes, aínda que hai que buscar outras formas de valorizalos máis alá da fariña de peixe.

-Galicia quedou en denunciar a estabilidade relativa, esa clave de reparto entre os 28 que tanto nos prexudica. Hai data para facelo?

-Se denunciou xa dúas veces e se perdeu as dúas veces. España está soa na loita contra ese mal chamado principio. Pero a nova política común de pesca (PCP) xa altera esa clave, a consecuencia do veto aos descartes, imos poder descargar especies que antes non podiamos, e están tamén eses top-ups (cupo a maiores) para cubrir os descartes. De algunha maneira se está alterando a estabilidade relativa. E aínda hai que ver como o cambio climático está a influír sobre os stocks. Hai especies que se desprazan ao norte, a augas de países que non teñen posibilidades para pescalas... Nun mundo cambiante, os principios non poden ser inamovibles.

-Non vai a haber terceira, entón.

-Sería un pouco perder o tempo, pero non o deixamos de estudar.

-O marisqueo remonta?

-Non estou descontenta de como evoluciona o marisqueo. O que temos é que xestionar mellor os recursos e darlle ese valor que ten que ter. O noso produto ten unha calidade insuperable e hai que pagala. Non podemos competir a nivel de prezos.

-Aí non nos axuda moito Europa mandando pór Augas de Portugal. -Non creo que Europa pretenda que se confunda o que sae de Galicia co de Portugal. Eu dixen dende un principio que me declaraba na ilegalidade, pero eu non ía poñerlle Augas de Portugal aos meus produtos. E hai fórmulas legais para non facelo.

-O sector está organizándose contra a lei de acuicultura.

-É algo que non me esperaba. Primeiro, porque a alarma se monta cando aínda está a exposición pública e recibindo alegacións para que a xente diga o que lle parece e o que lle da medo ou desconfianza. Segundo, porque se quixera privatizar as bateas e darllas ás multinacionais xa o tería feito no 2010, que caducaban a maioría das concesións. Lonxe de sacarse a concurso, se lles puxo o contador a cero e ampliou a concesión. Se lle acaba de dar o título habilitante a 1.280 parquistas de Carril, e non se fixo por concurso. Que se entende por privatizar? Por que cando se fala de acuicultura se pensa en multinacionais e en venderlle as praias aos chinos? Por deixar unha porta aberta xa se intenta privatizar? Se quixera apostar por outro modelo, tíñao ben sinxelo no 2010.