Patrocinado por Patrocinadopor

Lombos hoxe, fame mañá

Javier Garat A Dos BANDAS

SOMOS MAR

21 abr 2015 . Actualizado ás 18:11 h.

A flota atunera cerqueira conxeladora e a industria conserveira españolas necesítanse para ser competitivas e poder ofrecer aos consumidores de todo o mundo o mellor atún en conserva posible, de calidade, sostible, saudable e cun prezo razoable. Para iso, e como lle gusta dicir ao meu amigo Juan Vieites, o «complexo mar-industria», debe ir da man para defender os seus intereses comúns, que son moitos.

Nestes momentos, estamos inmersos nunha disputa, sen sentido, sobre se se debe aprobar, ou non, un continxente libre de aranceis de lombos de atún procedentes de terceiros países. Os armadores defendemos que non, porque temos materia prima suficiente para cubrir as necesidades dos conserveiros da UE. Temos varios millóns de toneladas de túnidos tropicais que poden chegar aos nosos mercados libres de aranceis. En cambio, os procesadores afirman que necesitan ata 30.000 toneladas adicionais de lombos de atún libres de aranceis.

A realidade é que esas toneladas, na práctica, chegarían de países como Tailandia, China ou Vietnam, os únicos que non teñen, hoxe en día, ningún réxime preferente coa Unión Europea. O resto dos países, incluído Filipinas, poden exportar os seus lombos de atún (e latas) á UE libre de aranceis.

A nosa postura está fundamentada na coherencia e na visión de futuro. A industria conserveira galega denunciou nos últimos meses a ameaza que supón eliminar os aranceis para as latas de atún procedentes de países como Filipinas (xa é unha realidade) ou Tailandia, argumentando que non cumpren cos estándares mínimos sociais, sanitarios, de pesca responsable ou de seguridade alimentaria. Nós apoiámoslles. En cambio, cando falan de lombos de atún, esquecen deses estándares mínimos e reclaman que entren sen aranceis na UE, co fin de conseguir a materia prima barata, e creo que, en numerosas ocasións, pola presión a que están sometidos pola gran distribución para conseguir unha marca branca moi económica.

Francamente, esta posición parécenos incongruente, xa que se traduce en pan para hoxe e fame para mañá.

Se hoxe a UE permite que entren eses lombos de atún sen aranceis, mañá permitirá que o fagan as latas de atún. Se iso ocorre, as multinacionais deses países comprarán ás empresas conserveiras españolas, producirán nos seus países de orixe e desaparecerán miles de empregos. Será o momento de lamentarnos e o pobo galego «chorará» pola desaparición dunha das industrias máis importantes actualmente.

A flota atunera de Cepesca quere ser competitiva, fornecer materia prima de calidade aos conserveiros españois e que os consumidores de todo o mundo poidan estar orgullosos do «made in Spain». Pero se se permite o continxente de lombos de atún e, posteriormente, de latas, este obxectivo antóllase moi difícil.

Por todo iso, desde estas liñas, solicito, con todo o aprecio que teño á industria conserveira, que nos poñamos de acordo e que, todos xuntos, da man, defendamos unha industria atunera competitiva e sostible, tanto social como económica e medioambientalmente.