Patrocinado por Patrocinadopor

Crecemento e emprego para Galicia

Juan M.Vieites SECRETARIO XERAL DE ANFACO

SOMOS MAR

21 abr 2015 . Actualizado ás 18:11 h.

Para a industria conserveira de peixes e mariscos galega, española e europea, é absolutamente necesario lograr un continxente de lombos de atún de 30.000 tm. ao 0% de arancel, en base ao Regulamento UE 1220/2012, a fin de asegurar a materia prima necesaria para manter a súa actividade transformadora en Galicia e España, como principal país produtor de conservas de atún, aproximadamente o 67,5% da UE, e xa que logo a súa importante dimensión socioeconómica en canto a xeración de emprego (12.000 en Galicia) e valor engadido en importantes zonas galegas do seu litoral, como é o caso do Barbanza (Riveira, Boiro,?).

Esta postura foi defendida en Bruxelas á Comisión Europea, en reunións da AIPCE (Asociación de Industrias Europeas Transformadoras de Produtos do Mar), do cal forma parte ANFACO-CECOPESCA.

A necesidade do continxente é incuestionable e demóstrase no feito obxectivo de que de entre todos os múltiples continxentes arancelarios autónomos para os produtos da pesca que a UE abre, nos últimos anos sistematicamente o continxente de lombos de atún é o primeiro en esgotarse, pois sen ir máis lonxe en 2014 esgotouse concretamente o 10.01.14, é dicir tan só 10 días despois de abrirse e este ano 2015 esgotouse o 04.01.15, tan só 4 días despois de abrirse, o cal demostra que este continxente actualmente é insuficiente para cubrir a súa función de cubrir as necesidades de abastecemento de materia prima da industria conserveira de atún da UE.

A procedencia do continxente é ?erga omnes? polo que a materia prima pode proceder de calquera país do mundo que cumpra coa normativa comunitaria. Por iso, atribuír a procedencia do continxente unicamente a determinados países supón achegar unha información nesgada e intencionadamente incompleta.

Cabe destacar que este continxente para o período 2016-2018 é crítico para a competitividade das conserveiras nos próximos anos, posto que dispor dun adecuado abastecemento de lombos de atún é esencial para manter a competitividade e a súa viabilidade, dado o seu papel fundamental para diversificar o abastecemento de materia prima, evitando depender exclusivamente do abastecemento de atún enteiro conxelado, motivo polo cal xoga un importante papel para xerar competencia no mercado do atún como materia prima, aspecto que en ultimo remato beneficia ao consumidor.

Boa proba diso foi o positivo impacto no emprego que tivo o incremento do continxente de lombos de atún co que contou a industria para o actual período 2013-2015, e que posibilitou o que a industria conserveira española, a máis importante de Europa, nun contexto complexo debido á actual crise económica, fóra capaz de ser un dos contados sectores industriais capaces de incrementar as súas cifras de emprego en Galicia nun 3,7% en 2013 e nun 4,2% en 2014, segundo datos do número de afiliacións á Seguridade Social. 

Ademais, e dado que nos últimos anos a UE está promovendo un acceso preferente ao mercado comunitario das conservas de atún de terceiros países, a través de Acordos Comerciais Bilaterais fundamentalmente con países do Sueste Asiático e outros países por exemplo o recentemente subscrito con Ecuador, a través de Acordos de Partenariado Económico ou inclusive mediante a integración no SPG+ de países competidores como Filipinas, é imprescindible, para competir neste contexto, que a industria conserveira de atún galega e española cando menos dispoña da materia prima adecuada e suficiente para poder seguir transformado e engadindo valor aos seus produtos na Unión Europea.

Así mesmo, a industria conserveira coincide coas prioridades marcadas pola Comisión Europea, quen sinala que nestes momentos no ámbito das políticas comunitarias debe primarse o emprego, o crecemento e a xeración de valor engadido en Europa, cuestións todas elas que se concentran na industria conserveira de atún, xa que non podemos esquecer que boa parte da flota atunera esta abanderada en terceiros países, sendo os seus niveis de emprego directo en absoluto comparables, xa que o emprego xerado pola flota atunera supón menos do 10% do emprego xerado pola industria conserveira de atún.

Destacar que, tradicionalmente a flota atunera comercializou as súas capturas tanto en Sueste Asiático como noutros mercados, en base á lei de oferta e demanda, dispondo dunha variedade de mercados nos que comercializar os seus produtos. Por iso, non cabe falar de exceso de oferta xa que a flota atunera dispón de múltiples mercados nos que vender o seu atún enteiro conxelado e igualmente benefíciase do comercio cos produtores de Sueste Asiático, todo iso amparado baixo os acordos que a UE ten subscritos con terceiros países, tanto pesqueiros como doutra índole.

A industria conserveira de atún necesita abastecemento tanto de atún enteiro conxelado como de lombos de atún en función das diferentes estratexias de cada empresa, motivo polo cal a súa demanda de atún enteiro conxelado de orixe comunitaria necesítao e é igualmente moi importante.

Proba da necesidade que ten a industria europea de lombos de atún, é o feito de que a UE actualmente importa 106.000 tm. de lombos de atún, dos cales unicamente unha parte menor vén a través deste continxente, o cal é para todos os países da UE.

Desta forma, a industria conserveira reivindica o seu dereito a ser competitiva e manter a súa actividade industrial en Galicia e España, para o que é premisa básica poder dispor de materia prima procedente de diversas fontes de abastecemento, aspecto para o que este continxente xoga un papel fundamental.

Non se trata pois de obter vantaxe algunha, senón de dispor da materia prima imprescindible para competir nun mercado globalizado no que existe unha competencia feroz por parte de terceiros países e no que o abastecemento de materia prima é un factor crítico.

Por todo iso, non podemos entender como por parte da flota hase obviado o feito de que se a industria non dispón de suficiente materia prima, perderán a posibilidade de comercializar as súas capturas de atún enteiro conxelado  no noso país, o cal non debemos de esquecer que é o primeiro produtor europeo de conservas de atún e o segundo produtor a nivel mundial, correndo así serio risco de quedar en mans de terceiros países, fundamentalmente asiáticos, como únicos compradores do atún comercializado pola flota.

Así mesmo, ANFACO-CECOPESCA lamenta e non comparte a posición da Secretaria Xeral de Pesca do MAGRAMA, ignorando totalmente as necesidades da industria conserveira e as importantes repercusións que este tema pode ter en canto ao futuro do emprego da industria na maior zona produtora que é Galicia.