Patrocinado por Patrocinadopor

Todos somos flota de cerco

Torcuato Teixeira

SOMOS MAR

17 feb 2015 . Actualizado ás 22:12 h.

Asituación da flota de cerco é de emerxencia, a do arrastre de litoral e outras flotas do Cantábrico, tamén. Efectivamente, a falta de cotas suficientes para especies tan importantes como o xurelo e a xarda e un celo inspector excesivo están creando un cóctel explosivo.

Temos unha flota en condicións de ser moi competitiva e fornecedora de alimentos saudables e de postos de traballo, pero o camiño que levamos é moi pouco alentador.

Antes tiñamos no Cantábrico unha pesca olímpica; agora o que temos é unha pesca precaria, unha pesca na que cada segmento de flota tenta facerse co maior número de migallas que nos deixa a UE despois de repartir a grande tarta dos TAC (totais admisibles de capturas) entre os privilexiados países do norte de Europa, e incluso convidar a este reparto a países alleos á UE, como Illas Feroe ou Noruega, para escarnio da flota española que segue co seu sacrificio despois de 30 anos de pertenza a este club insolidario chamado UE.

Pero tamén convén non esquecernos de que a responsabilidade de atopar solucións é compartida entre sector e Administración. Lamentablemente, as cotas de pesca non van aparecer para a flota do Cantábrico froito dunha actuación unilateral deste Goberno ou doutros que podan vir; só unha estratexia compartida e coordinada de ambos actores pode traer consigo a medio prazo unha situación máis alentadora, e consecuente co estado dos stocks que explota a nosa flota e coas necesidades das nosas empresas pesqueiras.

Dicía Séneca que ningún vento é favorable para o mariñeiro que non sabe onde quere ir; os mariñeiros empezan a saber onde queren ir, pero saberao realmente a Administración española?

Torcuato Teixeira é Secretario Xeral de Pescagalicia