Hai tantos lucenses entre 80 e 89 anos de idade como menores de 15

Suso Varela Pérez
SUSO VARELA LUGO / LA VOZ

SARRIA

A provincia volve baixar nun ano o seu censo, quedando en 331.511 habitantes, 5.016 menos que o anterior padrón

27 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A provincia de Lugo faise vella. Cada ano que o Instituto Nacional de Estatística (INE) publica novos datos sobre o padrón municipal, as cifras de poboación lucense son evidentes, sen que polo momento ningún dos plans económicos ou accións sociais que os gobernantes publicitan para Lugo sirvan para deter a hemorraxia demográfica. O INE acaba de publicar os datos provisionais a 1 de xaneiro do 2017, deixando para finais deste ano os resultados definitivos por concellos. En só un ano a poboación da provincia baixou dos 336.527 do 1 de xaneiro do 2016 aos 331.511 do 1 de xaneiro do 2017, cinco mil menos, e 7.875 menos con respecto ao 2015. A tendencia á baixa é máis que evidente.

 MENOS E MÁIS VELLOS

Unha pirámide máis que investida. Viven na provincia 33.206 lucenses entre 0 e 14 anos, mentres que entre 80 e 89 son 31.906 lucenses, apenas 1.300 menos. E se ampliamos os tramos de idades, viven en Lugo 44.550 mozos entre 0 e 19 anos, mentres que os lucenses entre 75 e 89 anos son 48.609. Se se mira a táboa adxunta por tramos de idade, o groso da poboación de Lugo ten entre 35 e 69 anos, unha franxa de poboación que a medio-longo prazo entrará en período de posible xubilación, co que se agravará a situación de que haxa máis pensionistas que cotizantes, ou que o mercado laboral quedará minguado de man de obra.

 IDADE MEDIA DE 49,5 ANOS

Máis alta en zonas rurais. A idade media dos lucenses é de 49,5 anos, pero se se analiza a distribución por concellos constátase que os municipios rurais teñen a idade máis elevada. Nos concellos entre 501-1.000 habitantes a idade media é de 56,8 anos e entre 1.001-2000 é de 55,7 anos. Pola contra, en Lugo capital a media de idade xa baixa a 45 anos. Confírmase a concentración de poboación na capital e nas cabeceiras de comarca. O 48% do censo da provincia aséntase en cinco dos 67 municipios: Lugo, Monforte, Sarria, Vilalba e Viveiro. E dos 67 concellos, 50 teñen entre 1.001 e 5.000 habitantes.

 ESTRANXEIROS

Romaneses, marroquís e portugueses. Na provincia de Lugo hai censadas 12.570 persoas con nacionalidade estranxeira. Trátase do 3,8% do total da poboación, dos que o 1,5% son comunitarios e o 2,3% do resto de países, o que demostra que a inmigración que chegou a Lugo ocupa postos de traballo que deixaron os nados nos concellos lucenses ao ser de baixa cualificación. Dominan sobre o resto de tres nacionalidades: Romanía (2.330), Portugal (1.558) e Marrocos (1.557). Tamén destaca a poboación suramericana, como Brasil (920), Colombia (711), Venezuela (365), Perú (252); ou do Caribe, como República Dominicana (742) ou Cuba (330). A Mariña centraliza unha importante poboación africana, como os 532 veciños de Cabo Verde, e de Asia, como os 314 de Indonesia. Á marxe de Portugal, só destaca outro país europeo cunha cifra significativa: Reino Unido, con 325 habitantes. A poboación estranxeira concéntrase nos municipios con máis poboación. Como anécdota, a maior porcentaxe de estranxeiros sitúase en , Negueira de Muñizque cos seus 215 habitantes ten un 7,8% de foráneos, dos que o 7,3% son de países da Unión Europea. Se se analiza a táboa adxunta co número censados en Lugo polo seu lugar de nacemento, pódese comprobar que 22.942 fixérono no estranxeiro, unha cifra moi superior aos estranxeiros rexistrados. Este dato débese aos lucenses con dobre nacionalidade, especialmente de Arxentina, Cuba e Uruguai.

 400.000 LUCENSES POR ESPAÑA

A Coruña e Barcelona recibiron emigración luguesa. A poboación censada en Lugo é de 331.511 habitantes, pero os nados en Lugo que viven en municipios de España é de 402.007, dos que 190.175 son homes e 211.832 son mulleres. A provincia con máis número de naturais de Lugo é A Coruña, con 33.333. No resto de Galicia a repartición é de 6.471 en Ourense, 12.322 en Pontevedra e 271.404 nados en Lugo. Tras a coruñesa, a seguinte provincia con máis lucenses é Barcelona, con 24.211. A emigración dos anos 60 e 70, especialmente nos municipios da Montaña, nutre esta cifra tan ampla. Ata 15.907 lucenses viven en Madrid, 9.422 en Asturias, 9.272 no País Vasco (7.420 en Biscaia) e 5.371 en Castela e León (3.514 en León), entre outros lugares.

 MÁIS MULLERES QUE HOMES

Máis nenos e mozos que nenas e mozas. Na provincia de Lugo hai censadas 10.081 mulleres máis que homes, pero chama a atención que desde os 0 anos ata os 39, en todos os tramos de idade hai máis homes que mulleres. A tendencia cambia a partir dos 40 anos e acentúase a partir dos 70. A esperanza de vida feminina é maior que a masculina e constátase en cifras como que entre 95 e 99 anos hai 425 homes fronte a 1.077 mulleres ou hai 191 centenarias fronte a 62 centenarios.