«Paréceme obsceno tratar ao peregrino como cliente»

Dolores Cela Castro
dores cela LUGO / LA VOZ

PEDRAFITA DO CEBREIRO

ALBERTO LÓPEZ

Cre que o legado do cura do Cebreiro é fundamental para manter o espírito do Camiño

26 jul 2017 . Actualizado ás 22:55 h.

A escritora canadense, Laura Dennett, fincada na Lagoa, Pedrafita, que foi colaboradora directa de Elías Valiña, o cura do Cebreiro que impulsou o Camiño de Santiago confía en que a Xunta reflexiones e repoña o premio ao que daba nome o sacerdote. Recoñecía a persoas e organizacións que promocionaban o espírito xacobeo. No caso de que a administración non dea o paso, asegura que o farán as asociacións.

-Que xestións están a realizar?

-Non debería de ser unha causa repor o premio. É unha mágoa que o retiraron. Pregúntome se a decisión a tomaron conscientes da influencia que tivo Elías Valiña nas asociacións de peregrinos, que se fundaron pola súa inspiración nos anos 80. Posiblemente non valoraron que as alemás, italianas e de case todos os países tomaron inspiración dos seus boletíns. A orixe da nosa, a Confraternity of St James, do Reino Unido, empezamos con seis socios e somos dous millóns, tamén está aí.

-Cal foi esta inspiración?

-As súas obras son o núcleo: «Camiños a Compostela», a súa primeira guía, que imprimiu nunha edición de peto en Vigo, en 1971 e que foi distribuída man a man; a súa tese doutoral e a guía de 1985 do Ministerio de Turismo. A última foi póstuma. Elías coñecía o Camiño punto por punto. Fixo unha cartografía que debuxou a man. É un tesouro. Foi un intento de rectificar a guía de Everest. Aínda quedan exemplares á venda, que se poden atopar nas tendas dos seus sobriños no Cebreiro. Este libro é un documento histórico moi valioso, un recordo de como era antes do ano 1990. Desde entón cambiou moito. Algúns peregrinos non pasan xa por determinados sitios porque cambiaron o trazado. O editor que a publicou era o especialista en cartografía Roger Lascelles. En España a distribuidora tivo problemas e quedaron moitos exemplares sen vender. A edición en inglés imprimiuse en dúas ocasións.

-Cando foi o último premio?

-O último foi en 2014. En 2015 anunciaron que non ían convocar máis. Sinto profundamente o que ocorreu porque Elías Valiña merécello. Era un premio que honraba á Xunta e a Galicia. A cantidade de diñeiro era moi modesta, un millón de pesetas. O primeiro concedéronllo á miña asociación. Outorgábase a iniciativas que desenvolveran proxectos que ejemplificaban o espírito de Elías.

-Por que llo deron?

-Polo albergue de peregrinos de Rabanal. Púxose en marcha con 50 millóns de pesetas de achegas individuais para reconstruír o edificio da reitoral en ruínas. Segue funcionando de marabilla. Nel pasaron a noite 150.000 peregrinos. Aténdeno hospitaleros voluntarios de 24 países, que reciben unha comida ao día e xa está cuberto para todo o ano que vén.

-Cando coñeceu a Valiña?

-Coñecino en 1986 cando pasei polo Cebreiro como peregrina, no comedor da hospedería. Un amigo habíao chamado para falarlle de min. Eu estaba realizando o Camiño para chamar a atención sobre a esclerose múltiple. Teño tres casos na familia e estou moi sensibilizada con esta enfermidade. Despois coincidimos en congresos en Alemaña e en Jaca. Nun deles preguntoume se estaba preparada para traducir a súa última guía ao inglés. Díxenlle que si, pero que antes tiña que acabar un proxecto en marcha en Londres e o meu libro sobre o Camiño de Santiago. Escribinlle no Nadal de 1988 para dicirlle que estaría libre a partir da primavera e non me contestou. Sorprendeume e en marzo vin verlle. Descubrín que o operaron dúas veces dun cancro. Díxome que non rematara a guía.

-Axudoulle a acabala?

-Cando cheguei estaba bastante mal e empeorando, polo que decidín non regresar a Londres. Parecíame importante acabar o traballo. Estiven ata despois do seu falecemento. Sentiume fatal índome antes. Realmente non nos coñeciamos moito pero nos últimos meses establecemos unha amizade que valoraba. O 99% das veces falabamos do Camiño e da guía. Unha das cousas que lle prometín foi que a publicaría. Xunto a outra persoa buscamos unha editorial e fíxoo Galaxia cando Elías xa morrera.

-Que cre que pensaría Elías Valiña do Camiño agora?

-Eu non se que pensaría. Non sinto que teña o dereito a especular sobre iso. Creo que algunhas cousas lle farían feliz e noutras caeríaselle a alma aos pés. O Camiño ten a súa economía, pero debería deixar espazo para iniciativas voluntarias, que están a ser presionadas por xente que montou negocios no Camiño e que creen que merecen un trato especial e iso non é así. Hai unha asociación en Castela que quere prohibir iniciativas como a de Rabanal. Para facerlle fronte está xurdindo unha asociación de albergues de donativo. Non nos imos a quedar quedos. A fraternidad e a solidariedade é o que máis impacta ao peregrino e creo que é o único xeito de transformar o mundo. O peregrino que recibe cando regresa á súa vida habitual xeralmente experimentou un cambio.

-Vostede que opina?

-O premio Elías Valiña é fundamental nesta visión de cambiar o mundo A Xunta debería ser consciente diso e de que está na súa man que o mundo cambie se deixa espazo a este tipo de iniciativas. Se perden o seu espazo, o espírito do Camiño quedaría desvirtuado e sería outro exemplo de sendeirismo. Iniciativas altruístas son as que fixeron que o Camiño sexa o que é. Hoxe día está moi mercantilizado. É necesario que quede o espazo e a liberdade para contestar ao peregrino como ser humano, non como cliente ou consumidor. Iso paréceme case obsceno.

-Que farán as asociacións?

-Pois crearemos outro porque ten que existir. Naceu por iniciativa de investigadores como Paolo Caucci ou Robert Plötz. Agardo que a Xunta tome a iniciativa. Non sei a que gran obra quere dedicar os 6.000 euros. O que fixo Elías Valiña é dun valor incalculable. Cada ano que pasa noto máis a súa falta, non só pola sinalización do Camiño, senón polas súas obras de investigación. Planeaba un congreso de camiños secundarios antes de falecer e nos que ninguén pensou antes dos 90.

«O premio ten que existir, se a Xunta non o repón, crearémolo as asociacións»

«O peregrino que recibe cando regresa á súa vida habitual cambiou»