A corporación lucense reproba á alcaldesa

La Voz LUGO

LUGO CIDADE

oscar cela

Reprochan a Lara Méndez o «déficit demográfico» e a «parálise institucional»

27 jul 2017 . Actualizado ás 16:14 h.

O pleno do Concello de Lugo acordou hoxe reprobar á alcaldesa, Lara Méndez, polo «déficit demográfico» e a «parálise institucional» do municipio. A moción, presentada por ACE-Esquerda Unida, contou cos votos a favor do PP, BNG e Cidadáns. Votou en contra o PSOE (7, pola ausencia de Manuel Núñez) e abstivéronse os membros de Lugonovo (2, cun concelleiro menos tras a renuncia de Santiago Fernández Rocha).

O portavoz municipal, Miguel Fernández, acusou ao responsable de ACE-EU, Carlos Portomeñe, de querer «buscar o seu minuto de gloria». «A reprobación de alcaldes é algo que está de moda», sinalou Fernández, «do mesmo xeito que o estiveron os pantalóns de campá e os zapatos de plataforma». Foi máis directo o portavoz popular, Antonio Ameijide, que incitou aos outros grupos que votaron a favor (BNG, C's e ACE-EU) a ir «máis aló» e presentar unha moción de censura. «Teñan a valentía de reunirse, se queren mañá pola mañá, e sacámola adiante», dixo Ameijide, «se non, todos vostedes quedarán retratados».

Pola súa banda, a alcaldesa mostrouse tranquila antes do pleno. «Non compartimos a política de titulares e espectáculo, que non debe ser o que debe rexer e primar», sinalou Méndez, aínda que defendeu a potestade de cada grupo para «presentar o que crea oportuno», segundo informou EFE.