Novos peches en Abella, cuxo dono di que segue negociando a venda

Dolores Cela Castro
dores cela LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

ÓSCAR CELA

Upim, inaugurada por Carlos Baute, liquidou e está a desmontar xa os andeis

18 jul 2017 . Actualizado ás 22:08 h.

A tenda italiana de roupa Upim está botando o peche en Abella, trece meses despois da súa apertura, apadriñada polo cantante Carlos Baute. Persoal da franquía italiana está a acabar de desmontar os andeis, despois de varios días de descontos do 50%. A marcha desta tenda do centro comercial de Abella deixa practicamente sen actividade estas instalacións, inauguradas o 18 de novembro do ano 2018. O responsable da empresa propietaria, Luis Ridao, volveu insistir onte que continúa a negociación para vender. Segundo dixo, «imos amodo».

Co peche de Upim practicamente xa non quedan negocios abertos, salvo unha parafarmacia, unha tenda de roupa e artigos infantís, unha tenda de roupa low cost, o ximnasio, os cines e o hipermercado que ocupa toda a planta baixa. O resto das tendas do centro foi pechando nos últimos meses, deixando un panorama desolador e un regueiro de denuncias e contradenuncias xudiciais, dos operadores á propiedade e viceversa. Os que non pecharon, como o hipermercado, víronse obrigados a reducir persoal como consecuencia de que non se están cumprindo as previsións iniciais de afluencia de clientes e polo tanto, tampouco as de vendas.

Seguen as negociacións

A mediados do pasado mes de xuño o propietario de Abella, Luis Ridao, recoñeceu publicamente que estaba en negociacións para a venda do centro comercial. Admitiu que o ritmo das conversacións non era todo o áxil que desexaba, pero que contaba en que «en breve» houbese un acordo de venda do centro comercial.

Ridao insistiu en que as negociacións, despois de recibir varias ofertas pola compra de Abella, estaban centradas, polo menos no mes de xuño, nunha empresa de capital español.

Este diario púxose de novo onte en contacto co empresario catalán de Investimentos Abuín, quen insistiu en que as negociacións seguían en marcha, cun «imos amodo». Non se pronunciou sobre a marcha de Upim.

As discrepancias entre os propietarios e os operadores empezaron a transcender publicamente no mes de agosto do pasado ano, dez meses despois da apertura do centro, coa marcha da boleira.

A polémica licenza

Sobre o peche deste negocio houbo diferentes versións. A da propiedade, que insistiu en que fora un desafiuzamento por falta de pagamentos e a do propio operador. Segundo este último a decisión de cesar a actividade respondía a unha orde da Policía Local por carecer de licénciaa pertinente. Este tema xerou unha importante polémica, que para nada está resolta.

A boleira non foi o único negocio que levou á sociedade de Ridao ao xulgado. A mesma familia rexentaba outros negocios que trasladou a outros centros. O mesmo camiño seguiron outros comerciantes e hostaleiros, que se instalaron xa noutros puntos da cidade e que iniciaron procedementos contra o empresario catalán, que á súa vez emprendeu varios por desafiuzamento.

Once meses despois do amplo despregamento da inauguración de Upim, coa que a propiedade do centro quixo acalar os comentarios sobre o posible peche por falta de operadores e para acalar as críticas dos que estaban, a franquía italiana está a piques de deixar Lugo.

A competencia

Para os lucenses, nada mellor que a competencia para conseguir bos produtos ao mellor prezo. Así que, oxalá o centro comercial aguante aberto o maior tempo posible, ou o compre algunha firma que queira volver lanzalo con forza. Aínda que se acabou a época de vacas gordas e xa ninguén gasta o que gastaba, tamén é verdade que o comercio aprendeu a sobrevivir con menos. E para os lucense mellor será ter unha oferta máis.

Os cines do centro comercial non teñen previsto marcharse nin introducir cambios

Os cines de Abella seguirán funcionando como ata agora, segundo confirmou o empresario Diego Silva, da empresa Ciproga, que tamén explota as salas do outro centro comercial, o das Termas.

Diego Silva explicou que non figura entre as previsións da empresa deixar As Termas. «Imos tirando -dixo- unhas veces mellor, outras peor, depende da película, pero estamos aí e non temos pensando ningún cambio».

O titular de Ciprogra descargou mesmo que deixasen inactivas algunhas salas durante os meses de verán. «Agora -apuntou- é cando máis xente ten que haber. Depende do tempo e da película, se chove vendemos máis entradas».

Os cines, xunto co ximnasio, que rexenta a cadea MacFit, que foi o primeiro negocio que empezou a funcionar en Abella, seguen operativos. O edificio deseñouno o arquitecto Manuel Villar para recibir anualmente entre tres e tres millóns de visitantes.