O rei do puchero a domicilio

Xosé Ramón Penoucos Blanco
x. r. penoucos LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

cedida

Creou a empresa hai dous anos e xa serve máis de 4.700 comidas á semana

27 may 2017 . Actualizado ás 09:16 h.

O cociñeiro lucense Efrén Álvarez deuse a coñecer na primeira edición de Masterchef e hoxe rexenta co vigués Andrés Casal a empresa que revolucionou o concepto da comida a domicilio, Wetaca. A clave do seu éxito radica en ofrecer comida caseira a domicilio elaborada por chefs e sempre con produtos de primeira calidade. O vindeiro luns ensinará os segredos da cociña americana no centro comercial Río Shopping de Valladolid .

A nova iniciativa naceu hai dous anos e hoxe prepara unha media de 4.700 comidas á semana e conta con máis de 6.000 clientes nos seus locais de Madrid, Barcelona e Valencia.

Efrén Álvarez residiu en Lugo ata os 18 anos e unha vez ao mes visita a cidade na que continúan vivindo os seus pais. «Nunca perdín a relación coa miña cidade á que veño moi a miúdo».

O éxito que acadou coa súa empresa non sorprendeu a Efrén Álvarez. «Sempre pensamos en facer algo grande, aínda que de momento sexamos pequenos. A nosa idea é converternos no Inditex da comida, é dicir cambiando os hábitos culinarios da xente como fixo Zara coa moda».

Comer ben sempre

O espírito co que emprenderon a súa orixinal iniciativa empresarial foi o de «ofrecerlle á xente a oportunidade para comer ben todos os días cun mínimo esforzo, por iso brindamos a oportunidade de que adquiran a comida para toda a semana a un prezo moderado. Entendemos que a alimentación é un quebradizo de cabeza para a xente que traballa e pretendemos darlle unha alternativa», explicou Efrén Álvarez.

As claves do éxito que están a conseguir son esencialmente, a xuízo de Efrén Álvarez «utilizar para elaborar os nosos pratos os mellores produtos e que sexan cociñados por chefs. A iso engadimos que calquera que teña a máis mínima queixa dos nosos servizos pode pórse en contacto directamente connosco ao momento sen pasar filtros de centrais nin tapóns sen sentido. O bo servizo ao cliente é esencial para nós».

A fórmula compleméntase con prezos competitivos, é posible dispor dos menús completos para unha semana por uns 35 euros. A elevada demanda ha ocasionado que dos inicios nos que só cociñaban Efrén e Andrés convertéronse un proxecto formado por un equipo de 30 persoas. 

Expansión

No que compete á futura expansión do negocio, Efrén Álvarez non ten dúbidas. «O negocio comeza a ser rendible desde que obtén máis dunha vintena de pedidos diarios, cifra máis que asumible para comezar en calquera cidade media. Agora estamos a pensar en establecernos en cidades como Zaragoza ou Málaga e no fututo tamén en localidades galegas, tendo tamén como meta dar o salto ao mercado internacional».

Como bo galego, Efrén Álvarez defende os produtos da súa terra, aínda que lamenta non contar máis con eles. «Cada vez que podo claro que recorro aos produtos galegos cuxa calidade coñezo máis que sobradamente, pero a maioría de compras que facemos as marca o mercado diario e por iso non conto con tanto produto galego como me gustaría».

A variedade de menús que ofrecen é outra das pedras angulares do seu negocio. «Temos clientes moi fieis que están connosco case desde o principio e por iso esforzámonos en ofrecer moitos menús variados que cambiamos cada semana», dixo Efrén Álvarez.

O seguinte paso que pretende dar a empresa é o de elaborar produtos determinados para certos sectores como nenos ou celíacos.