Xulgan ao hostaleiro que disparou á súa noiva nas festas de Chantada

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

ALBERTO LÓPEZ

O acusado enfróntase a unha pena de 17 anos de cárcere por pegar un tiro na cabeza á muller

11 may 2017 . Actualizado ás 12:58 h.

Na tarde do 26 de agosto de 2014, mentres Chantada celebraba as súas festas patronais, recibiu un tiro na cabeza e sobreviviu. A día de hoxe, a vítima, S.F.D., é unha muller «totalmente dependente», que «non se rexe por ela mesma», segundo sinalou a avogada da acusación particular antes do inicio do xuízo que onte comezou na Audiencia Provincial de Lugo a Antonio Fernández Fente. Está acusado de asasinato en grao de tentativa da muller que ata esa tarde fatídica era a súa compañeira e coa que compartía traballo na chantadina hamburguesería Pisces, escenario do suceso. A fiscalía e a acusación particular piden 17 anos de cárcere, 14 pola tentativa de asasinato e tres por tenencia ilícita de armas. A estratexia da defensa baséase en que o acusado consumira cocaína (había droga en casa e no bar) previamente.

Na sesión de onte, entre outras testemuñas, declarou por vídeoconferencia unha irmá, por parte de nai, da vítima. Entre outras cousas, sinalou que a súa irmá está atendida por familiares próximos, recuperándose das lesións; ao principio, explicou, quedou en estado case vexetativo. Os danos, puntualizou, foron moi graves e é un milagre que siga aí. De feito, parece que os médicos lles indicaron nalgún momento que sería necesario desconectala das máquinas, pero eles (os familiares) negáronse. Está a recuperarse pouquiño a pouquiño coma se fose un bebé, manifestou. A muller tiña entón, segundo dixo, 32 ou 34 anos, non soubo precisar. No seu testemuño, esta muller lembrou que falou por teléfono coa vítima aproximadamente un ano antes do suceso e notouna moi desganada, moi pasota. Noutra ocasión, segundo asegurou sen precisar cando, díxolle ao seu irmán que estaban a ocorrer cousas graves. Declarou que nunha especie de dobre fondo dunha caixa apareceron notas da súa irmá, «escritas con nervio» nas que figuraban códigos e claves.

Onte declararon, ademais dos camareiros, os tres axentes da Policía Local de Chantada que acudiron á hamburguesería, que ese día estaba pechada, así como os axentes da Garda Civil que efectuaron os informes, ademais dos sanitarios que prestaron os primeiros auxilios á muller. Os axentes locais explicaron que o acusado se negou a abrir a porta do local e para entrar tiveron que romper unha cristaleira. Ofreceu resistencia á detención. Negouse mesmo a abrir a porta para evacuar á ferida, que foi sacada pola mesma cristaleira pola que entraron os axentes. Nalgún dos testemuños apuntouse que o detido tería aludido á posibilidade de que a muller tivese outra relación.

A acusación particular pide 1,2 millóns de indemnización.