Cinco mil ingresos por causas políticas no vello cárcere de Lugo

XOSÉ CARREIRA LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

daniel portela

O penal concibido para 140 reclusos chegou a ter 900 durante o golpe de 1936, segundo recolle unha das mostras

27 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Tres exposicións de carácter histórico encherán de contido a partir de mañá as celas do vello cárcere de Lugo. Nunha delas reflicte que o establecemento, pensado para 140 reclusos, chegou a albergar a un 900. Foi durante o golpe de estado de 1936. Desde entón e ata finais de 1940, rexistrou máis de cinco mil ingresos por motivos políticos, segundo a historiadora María Jesús Souto. O ir e vir de presos fixo que a vida na instalación do parque de García Morato, durante a guerra e anos despois de acabada a mesma fose de total aglomeración.

As exposicións cuxo montaxe está a finalizar e que foron presentadas onte, permitirán coñecer que as condicións hixiénicas e a falta de comida converteron ao establecemento, agora dedicado a fins culturais, en algo infernal. A humidade desencadeou enfermidades que acabaron coa vida de moitos internos.

Unha parte do material gardado por familiares e tamén nalgúns arquivos chega á mostra que leva por título O vello cárcere de Lugo. Da guerra á posguerra. O libro de memorias escrito polo mestre Gregorio Sanz, as notas intercambiadas polos presos, as cartas que enviaron aos seus familiares e obxectos elaborados no cárcere son algúns dos materiais que o público terá oportunidade de ver nesta mostra.

Ademais, unha cela individual foi habilitada tal e como era durante a guerra. A mostra complétase con material sonoro e documental cos nomes dos presos políticos que ingresaron no cárcere e que recolleu a investigadora sobre a represión en Lugo, María Jesús Souto.

A concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre, dixo que a mostra non quere ser un discurso pechado senón un proxecto continuo de loita. Por iso foi habilitado un correo electrónico para recibir información e material dos interesados en participar. A dirección é: memoriadovellocárcere\gmail.com

Na presentación estivo a coordinadora da mostra, Cristina Fiaño. Ao amparo da exposición que preparou xorde tamén a mostra titulada Dende o panóptico: cada cela unha fiestra. Esta reúne unha serie de traballos de 13 artistas.

Tamén se abre Vermellas (Chamábanlles rojas), unha iniciativa dos escritores Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer. Esta mostra componse de vinte paneis con textos explicativos.

As dúas mostras poderán visitarse gratis ata e próximo 5 de novembro. O cárcere pecha os luns pola tarde. As visitas guiadas son de 11,30 a 13.30 e de 18,30 a 20,30, mañá; o sábado, de 12 a 18,30 e o luns, festivo de 11,30 a 13,30. Hai que anotarse no teléfono 982 297 195.