Galicia Independente

Antón Grande

LUGO CIDADE

08 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Veño matinando desde hai uns días que a posible solución para o desenvolvemento de Galicia sexa que nos declaremos independentes. E aínda que non o sexamos, que máis dá. Non din que en política vale todo? Pois nós independentistas.

A movida poderiamos iniciala aquí en Lugo, cidade na que as Irmandades dá Fala arrincaron, aquí predicou Castelao, Otero Pedrayo deu un mitin no fornelo da Praza Maior e se engadimos que Manuel Fraga era devoto do rexionalista Alfredo Brañas, xa temos os cimentos.

Para darlle carácter internacional só habería que recorrer aos múltiples centros galegos expandidos polo mundo e está claro, habería que lanzar a ameaza de que imos convocar un referendo coas preguntas clásicas de: Quere a independencia para Galicia?, Quere a República para Galicia? aínda que aquí, dada a forma de entendernos os galegos, é moi probable que as respostas fosen do estilo de quen o di?, cantos somos?, pode ser?, a vostede que lle parece?.

En canto aos organismos europeos estaría chupado. Se temos en conta que os independentistas cataláns, o PNV vasco e o PP forman parte da Internacional popular, ou sexa, a derechona europea, e aquí manda o PP, non tería porque existir problema. Feito isto, ao estilo catalán, lograriamos que Rajoy, ese galego que non entende aos galegos, ou Ana Pastor, zamorana que di sentirse galega, reaccionasen e non nos deixasen como agora, cun 32 por cento menos en investimentos.. Así que xa o saben, ¡Galicia independente!