«Estou orgullosa de ser a primeira muller árabe que estuda en Lugo Administración de Empresas»

Lucía Rey
lucía rei LUGO / LA VOZ

LUGO CIDADE

ALBERTO LOPEZ

O seu avó foi o seu principal apoio hara facer unha carreira

03 mares 2015 . Actualizado ás 11:56 h.

En marzo do 2007, Amal Ait Mohand mudouse de Marrakech a Lugo para vivir coa súa nai, pero deixando atrás avós, tíos, curmáns, amigos, compañeiros de instituto... Tiña 18 anos e lembra que pasou os tres primeiros meses chorando, deprimida e sen saír da casa. Oito anos máis tarde, esta moza marroquí de 26 anos prepara o traballo de fin de carreira, cargada de ilusión e soños. «Estou orgullosa de ser a primeira muller árabe que estuda Administración e Dirección de Empresas en Lugo», sorrí. A próxima fin de semana explicará a súa experiencia de adaptación no Congreso de Xénero, Museos, Arte e Migración que acollerá a Rede Museística Provincial.

-Que foi o máis difícil na súa chegada a outro país?

-A miña nai levaba dous anos en Lugo e cheguei co meu irmán. Tiven dificultades para seguir estudando porque o meu español non era o máis adecuado, pero fun a clases de español en Frigsa e fixen un curso de camareira para estar con españois e coller vocabulario.

-Cando retomou os estudos?

-Deixei o Xoán Montes [instituto] e púxenme a traballar nun restaurante. Podía acomodarme cun soldo a fin de mes, pero decidín que quería facer algo distinto e volvín estudar o Bacharelato ao Masculino. Agradécese estar con xente formada e culta, coñecer outras culturas... Ao principio víame como o bicho raro, pero como eramos poucos, en clase podíase interactuar máis, os profesores axudáronme moito e os meus compañeiros eran máis adultos. Suspendín selectividade dúas veces por moi pouco, pero á terceira foi a vencida. E aínda que cheguei á Universidade con medos e dúbidas, estou moi contenta, e encantada coa oportunidade que me dá o Estado español de ter unha bolsa.

-Por que estuda Empresas?

-Para min é a carreira ideal porque compaxina contabilidade, finanzas, mercadotecnia... Ao acabar gustaríame seguir vivindo en España, ter un bo soldo e traballar no ámbito internacional; se pode ser, con países árabes. Aínda que en Lugo me custou moito entrar en contacto coa xente, non deixo de ser unha mestura, e falo árabe clásico, marroquí, castelán, un pouco de francés, inglés básico e algo de galego.

-Como vive unha musulmá en Lugo nestes tempos?

-Ben. Os peores límites son os que pomos na nosa mente porque con esforzo e vontade conséguese todo. Na cafetería da facultade saben que non como porco, e en casa encántanos a paella, a tortilla...

-Dise que a comunidade musulmá é moi machista...

-Antes si, pero agora xa non os é tanto. A muller en Marrocos liberouse moitísimo, saíu ao mercado laboral, está na política... Na miña familia quen máis me apoiou para seguir estudando foi o meu avó, e todos están orgullosos porque estou a lograr algo no estranxeiro. E non uso veo, aínda que a maioría das novas adóitano levar despois de casar e ter un familia.

-Que opina do integrismo?

-O terrorismo é terrorismo. E é un problema de todos os países: árabes, europeos... A nosa relixión non di que temos que matar a ninguén.