Baleira pide subvencións para explotar o seu potencial turístico

TANIA TABOADA

BALEIRA

manueL

O Concello presentou un proxecto para acometer actuacións

20 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Coa finalidade de explotar a riqueza paisaxística da zona, o turismo de natureza, deporte e gastronomía, o concello de Baleira vén de solicitar dúas subvencións á Xunta de Galicia para desenvolver varias actuacións e atraer turistas ao municipio.

O pasado 31 de marzo, o concello presentou na Xunta de Galicia (no AGADER) un proxecto turístico que engloba varias iniciativas para dinamizar o turismo, fomentar as visitas e unir o Cádavo con Baleira con rutas circulares.

Actuacións

Un dos traballos consistiría en mellorar a sinalización turística e dous accesos da ruta de sendeirismo homologada no lugar da Marronda. A outra está pensada na liña de apertura de tres novas rutas: dous de sendeirismo homologadas e BTT (bicicletas de montaña/ todo terreo). Trataríase de traxectos circulares con inicio nos lugares do Cádavo e A Fontaneira, uníndose en Carballal da Suagranda, un bosque autóctono de carballos e acivros cuberto en varias lendas.

O concello tamén pretende a apertura dunha variante nesas rutas para persoas con mobilidade reducida e varios miradoiros.

Todas estas actuacións se completarían cunha nova páxina web que axude aos visitantes a atopar aloxamentos e outros lugares de interese. As actuacións roldarían un investimento de 90.000 euros, subvencionadas en case toda a súa totalidade.