Candia apoia a Ameijide ante o desacordo no voto con Castiñeira

Enrique Gómez Souto
enrique g. souto LUGO / LA VOZ

LUGO

ÓSCAR CELA

Só ve «descoordinación», do mesmo xeito que Carballo, que dá por «reconducido» o asunto

28 jun 2017 . Actualizado ás 22:59 h.

A presidenta provincial do PP, Elena Candia, e o máximo responsable do partido no ámbito lucense, Ramón Carballo, minimizan o alcance do desacordo á hora de votar na comisión municipal de Economía, do novo portavoz do grupo, Antonio Ameijide, que se abstivo, e do seu antecesor no cargo, Jaime Castiñeira, e Isabel Devesa, que dixeron non a unha proposta do goberno para desagregar varios asuntos de modo que facilitase que se asigne a Enrique Rozas unha dedicación exclusiva ao Concello. Para Candia o problema foi «descoordinación» de e para Carballo «un desaxuste». En todo caso, segundo o presidente local do Partido Popular «todo está reconducido». Onte foille comunicado o cesamento nas súas funcións como asesor de prensa do grupo municipal a Pablo Vázquez Sande, un das fichaxes de Castiñeira.

Na tarde de onte, celebrouse unha reunión do presidente local do PP, Ramón Carballo, cos concelleiros para preparar o pleno do xoves. Foi tras esa reunión cando Carballo asegurou que o asunto está xa reconducido. Hai que sinalar que á reunión non asistiron nin Jaime Castiñeira, nin Enrique Rozas (viaxou á Coruña por un asunto persoal) nin Carmen Penelas. Afirmou que o ocorrido na comisión de Economía foi «falta de engrenaxe», que non ten, ao seu xuízo, máis relevancia que a propia dun fallo no desenvolvemento do novo proxecto político do PP no Concello.

Polo seu lado, a presidenta provincial do partido, a mindoniense Elena Candia, lembrou que está aínda moi recente a elección en congreso, cun 98% de apoio, do presidente local, Ramón Carballo. E máis recente aínda é a designación de Antonio Ameijide como portavoz do grupo municipal. «Hai que deixar un tempo para organizarse e consolidarse», explicou Candia, alcaldesa de Mondoñedo e portavoz popular na Deputación. Tirando de experiencia, desviou ao terreo da «descoordinación» producida nunha comisión a pregunta dos xornalistas acerca das «feridas» no seo do Partido Popular. En todo caso, indicou que o realmente importante será a votación na sesión plenaria de mañá.

Esperanza

Elena Candia quixo deixar ben claro que Ameijide goza do total respaldo do partido.

«O portavoz ten o noso apoio e estamos totalmente esperanzados na súa capacidade de traballo e organización»

.

Na mesma liña, manifestou en relación co ocorrido o pasado luns: «Non lle dou máis importancia que a que debe ter, aínda que se poida intentar magnificar; Antonio vai facer un gran traballo e ten un proxecto claro de cidade». Candia tampouco desaproveitou a ocasión para lembrar os proxectos expostos na xornada anterior polo presidente da Xunta para o antigo Hospital Xeral e apuntou que non todos os portavoces poden iniciar o seu camiño explicando aos cidadáns uns investimentos como esas.

Militancia sorprendida

Aínda que os responsables do partido restan importancia ao ocorrido o pasado luns na comisión de Economía, nalgúns sectores do PP lucense a sensación é de que é a manifestación dun estado de cousas que debe ser atallado a tempo. Son numerosos os afiliados do montón que creen que actitudes como as mantidas na devandita comisión por Castiñeira e Devesa non deben de quedar sen resposta oficial.

As alegacións aos plans de obras e subvencións poden atrasar a dedicación de Rozas

 

 

Os votos (non) de Castiñeira e Devesa, o da portavoz de Cidadáns e o do concelleiro de ACE impediron que prosperase a iniciativa do goberno para desagregar os asuntos incluídos nun mesmo bloque na súa proposta inicial á comisión para o pleno: en síntese, plan de obras, plan de subvencións e a modificación necesaria para que Rozas cobre unha dedicación exclusiva íntegra a partir das medias que teñen Devesa e Ana López Pombo. Así sería máis probable que este último asunto non tivese alegacións que formando parte do citado bloque; podería telas, pero sería menos probable. Se as hai, non se resolverán ata o pleno de setembro. E Rozas, agora viceportavoz, xa tramitou o seu cesamento temporal como traballador civil de Defensa. Xa que logo, é probable que o partido teña que buscar unha solución a este asunto. Ramón Carballo di que non necesariamente ten por que haber alegacións, pero, se as houbese, será preciso buscar unha solución.