Granxa Campomayor, premio á innovación no Salón de Gourmets de Madrid

La Voz

LUGO

cedida

O ovo a baixa temperatura, seleccionado entre 1.300 propostas diferentes

27 abr 2017 . Actualizado ás 19:55 h.

Granxas Campomayor, de Palas , conseguiu o premio de innovación no Salón de Gourmets de Madrid co ovo a baixa temperatura. É un produto que ata agora estaba reservado á alta cociña. A compaña lucense ten previsto empezar a comercializalo antes do verán na canle de hostalería e restauración, segundo recoñeceu Rodrigo García, o seu director comercial. Despois estenderao á cociña doméstica.

Este produto, que competiu con outros 1.300 de diferentes partes do mundo no Salón de Gourmets, é un desenvolvemento do departamento de I+D+i da compaña, que figura entre as líderes no sector de comercialización de ovo. A de Palas , que recolle diariamente 600.000 unidades, será a primeira de España en lanzar ao mercado este produto, que xa recibiu o visto e prace de recoñecidos chefs.

O ovo gañador, que se aplica a numerosas receitas, prepárase con casca e rexenérase no microondas. As pezas selecciónanse polo seu tamaño, peso, estirpe e día de posta e sométense a un proceso de temperatura e tempo concreto.