Un patio de colexio para o botellón e as festas

s.v. / e.g.s LUGO / LA VOZ

LUGO

LUGONOVO

Lugonovo denuncia a pasividade do goberno local durante as fins de semana no CEIP Rosalía de Castro

25 abr 2017 . Actualizado ás 17:45 h.

Cada fin de semana o patio do colexio Rosalía de Castro úsase para todo menos para o goce dunhas instalacións deportivas. O grupo municipal de Lugonovo denuncia que a paisaxe que se atopan os responsables do colexio tras o paso da fin de semana é o de xiringas, excrementos, pis, latas e botellas, entre outros lixos. Esta situación, que o edil Santiago Fernández Rocha cualificou de «insostible», afecta a uns 380 alumnos de infantil e primaria matriculados no centro.

«O xardín estaba cheo de envases de bebidas, de feces humanas e cun cheiro insoportable a urina, nin as papeleiras se libraron das pintadas. A imaxe é desoladora, impropia dun inmoble coma este. O persoal da limpeza levaba horas tratando de poñer orde no local para evitar que os pequenos viran toda aquela suciedade e mesmo se puideran mancar cos refugallos, porque entre outros obxectos, se recolleron xiringas», denunciou onte o portavoz de Lugonovo.

Santiago Fernández Rocha criticou a pasividade do goberno local por este tipo de feitos, xa que lembrou que desde a dirección do centro comunicouse en varias ocasións os problemas que se atopaban no centro tras as fins de semana. «A pesar de varios escritos oficiais, o última a finais de marzo, ata o momento a dirección do colexio só recibiu silenzo por resposta, coas perigosas consecuencias que estamos vendo», afirmou Rocha.

Desde Lugonovo sinalan a necesidade de aumentar a altura do peche perimetral, xa que na actualidade «calquera pode acceder sen ningún esforzo». Este feito, relatan os docentes, sucede a diario, mesmo en horario lectivo para facer uso das instalacións deportivas, «o que ten desembocado, incluso, nalgún enfrontamento tenso para conseguir o seu desaloxo».

Do que ocorre no citado colexio hai outras versións, que responden á observación directa. Neste caso concreto, residentes en pisos da zona viron a varias familias pasando a tarde no citado recinto, merendando e xogando. Cando se foron non recolleron nada do que tiraran ao chan. O uso do devandito recinto por grupos familiares comprobouse en máis dunha ocasión por distintas persoas, sempre en fins de semana e días festivos.